O galego está máis vivo ca nunca entre os mozos nas aulas dos institutos. Onte a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia presentou o programa 21 Días co galego e +, que se levará a cabo no IES de Poio e no IES Vilalonga. A experiencia ten o obxectivo de procurar o aumento do uso do galego como lingua de comunicación habitual tanto no tempo como nos ámbitos nos que se utiliza, á vez que pretende ser unha experiencia de reflexión individual sobre a relación singular que cada participante ten coas linguas que coñece.

Desta forma durante tres semanas desenvolveranse actividades colectivas tanto dentro como fóra das aulas de Lingua galega. Nos institutos haberá un photocall, para poder facer fotografías e vídeos de difusión pública e para que os mozos e mozas formen parte activa deste programa, farase uso do hashtag #21diascogalegoemais e que desta forma compartan os seus vídeos ás redes sociais.

Ademais o IES de Poio encherase de galego estes días a través da música, que os alumnos poderán propoñer e comentar a través do Instagram da biblioteca do centro.

Cada día vaise recomendar unha lectura dun libro en lingua galega e haberá talleres de tatuaxes temporais de palabras en galego. Todo isto ademais de vídeos educativos na nosa lingua.

Para achegarse ao contexto da vida familiar, este ano, ademais de incorporar ao proxecto actividades pensadas para ser realizadas en familia as fins de semana, tamén se abren as redes sociais á participación directa de nais, pais, e a comunidade educativa en xeral.

No acto de inauguración nos centros fíxose unha solta de globos e os alumnos tocaron música. O proxecto conta cun blog donde os pais e nais poden seguir as distintas actividades.