A formación específica en deseño "non é só unha demanda da sociedade, senón un axente fundamental do desenvolvemento económico en Galicia, onde o sector moda é unha industria prioritaria", lembran dende Esdemga, centro que encabeza Lola Dopico Aneiros (Ferrol, 1970) e que imparte actualmente o Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda da UVigo.

- Que significa para Esdemga o Cidade de Pontevedra?

-Para unha titulación calquer recoñecemento é benvido e este especialmente, porque é o premio de Pontevedra e esta é unha titulación que naceu moi pegada á cidade, moi pegada a todo o motor que foi o consorcio que se montou no seu momento para poñer en marcha Esdemga, o primeiro título propio, e que veña o recoñecemento tan de cerca é benvido. Ás veces chegan recoñecementos de fóra, porque como escola vas medrando, pero que tamén na túa cidade e os que te coñecen de preto e cos que colaboras a nivel de institucións e asociacións teñan esta mención para nós, como o imos recibir? Pois moi contentos, moito.

- Esdemga está nun momento de transición

-A verdade é que a transición está casi pechada, xa presentamos este curso a xente que se estaba titulando no Mestrado, xente que xa está en marcha plenamente. Na última edición de Debut ( a pasarela anual que celebra Esdemga e na que amosan coleccións os seus titulados) presentaron xa dez estudantes que remataban o Mestrado e outros dez que estaban a rematar o título propio; queda todavía lóxicamente un periodo de transición no que convivirán estos últimos estudiantes do título propio pero realmente eu creo que nunha parte moi importante toda esta transición xa está feita e a verdade é que penso que moi positivamente.

- A cantos alumnos forma a titulación anualmente?

-Empezamos no curso 2004-2005 e cada curso son aproximadamente uns 30 e agora no Mestrado son algo menos, 20 alumnos.

- A concelleira de Cultura, Carme Fouces, suliñou ao dar a coñecer a resolución do xurado que Esdemga reflicte o que se quere que sexa Pontevedra en capacidade para atraer e exportar talento

-Si, nese sentido camiñamos da man porque o talento se produce e existe, e as veces o que necesita son as canles, apoio e atención. E cando eso se recibe, cando a xente con talento ten estos apoios normalmente agroman moitos mais e agroman moi bos resultados. Nese sentido nós como titulación só podemos decir que é unha honra estos anos nos que traballamos cos estudiantes, co equipo docente que se foi artellando e que é capaz de atender e de dar resposta a este talento; e tamén os nosos estudiantes, que traballan duro, se proxectan no exterior e se acordan de contárnolo. E eso tamén fai comunidade, eles sempre teñen esa lembranza para Pontevedra e para Esdemga. E logo está o apoio institucional, teño que decir que todas as institucións, organizacións coas que traballamos e a cidadadanía (porque facemos moitos chamamentos á cidadanía, sobre todo cando é Debut, cando son exposicións etc), todos nos reciben con moitísimo cariño e coas portas abertas, todo eso é moi de agradecer.

- Cales serán os seguintes pasos de Esdemga? Moi ligados á proxectada titulación de Deseño?

-Esdemga sigue a traballar no que traballa sempre, intentar formar no que nós nos comprometemos, que é en deseño e dirección creativa de moda, a parte específica de moda. Creo que ahí levamos feito un traballo importante, queda moitísimo por facer e arredor deste eixo no que se convertiu Esdemga hai moitísimo todavía por construir e avanzar e oxalá podamos saudar novas titulacións no campus nesta dirección. E tamén logo os nosos pasos van, coma sempre, enfocados a canalizar o talento dos estudantes, a conectarnos con entidades, con outras titulacións e con empresas.

- Insiste na importancia de conectar co sector

-É moi importante, traballamos moi de cerca co tecido empresarial de moda, que en Galicia é moi importante, pero tamén contactamos co de fóra de Galicia. E nese sentido imos seguir traballando, porque creo que queda moito por facer e por aprender.