"Para nós é moi emocionante ter a oportunidade de despedir ao noso pai dunha forma máis acorde á súa forma de ser, no marco da cultura, da arte, da música; que foi o que fixo toda a súa vida. É por isto que estamos moi agradecidos ao traballo que está levando a cabo Carlos Rodríguez na organización do evento, moi emocionados e agardando desfrutar do concerto".

Con estas palabras explicaba Samuel Guerra o que supón para el que mañá o Teatro Principal se convirta en escenario dunha gran homenaxe ao seu pai, o músico Miguel Guerra, un dos fundadores do emblemático grupo de rock pontevedrés Black Stones.

Miguel finou o pasado mes de xuño de 2019 e agora os seus familiares e amigos queren celebrar un gran concerto na súa cidade natal para honrar a súa memoria. Así, da man de Carlos Rodríguez, quen asumiu todo o traballo da organización do concerto homenaxe, de Ramón e Samuel Guerra, o Principal acollerá un evento no que diversos grupos pontevedreses, cuxos integrantes mantiñan unha estreita relación co baixista dos Black Stones, dunha ou outra maneira, tocarán por e para el.

Unha nota ben afinada

Carlos Rodríguez explicou que o evento estará dividido en dous bloques ben diferenciados, pois nel participarán grupos musicais conformados especialmente para a ocasión e posteriormente actuarán agrupacións xa consolidadas. Neste senso, o promotor da homenaxe a Guerra destacou que "Miguel supuxo nas nosas vidas, como mínimo, unha nota ben afinada, e é por iso que lle queremos render esta homenaxe tan especial".

O organizador comentou que o concerto homenaxe non se prolongará máis de hora e media e valorou e agradeceu encarecidamente o "esforzo" que tiveron que realizar todas as partes, pois coas festas do Nadal polo medio, foi algo complicado reunir a todo o elenco de artistas que mañá actuará no Teatro Principal.

Para participar na homenaxe a Miguel Guerra, asistirán músicos procedentes de Portugal e de distintos puntos da comunidade galega, co cal Carlos Rodríguez incidiu en que "grazas á implicación de todos os artistas, esta homenaxe vai ser posible".

Riqueza musical

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Carme da Silva, sinalou que este evento "amosará a riqueza musical que ten o concello de Pontevedra e estamos moi satisfeitos de que os organizadores contaran connosco para levar a cabo esta homenaxe. Estamos seguros de que o Teatro Principal se vai quedar pequeno para esta merecida homenaxe", indicou a edil nacionalista.

Da Silva agradeceu a iniciativa por parte de Rodríguez e da familia Guerra para levar a cabo esta cita musical e comentou que para o Concello de Pontevedra "é unha honra" formar parte desta homenaxe "tan merecida".

A responsable de Cultura do Concello de Pontevedra comentou neste senso que Miguel Guerra, "foi un gran músico pontevedrés cunha traxectoria profesional que quedou reflectida na historia da música da cidade co seu paso por grupos como Black Stones, polo seu labor como mestre de música e polo seu bo facer".

A concelleira, ademais das loubanzas á persoa de Miguel Guerra, tamén indicou que está convencida de que esta homenaxe, que era máis que "necesaria", vai ser un auténtico éxito, posto que "por experiencias previas, cando tocan os Black Stones, os seguen moitas persoas, pero tamén pola presenza dos músicos que tiñan relación con Miguel", concluíu.