Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ese disparate marabilloso de querer ser poeta

Fai 70 anos naceu en Pontevedra a primeira colección de poesía en galego trala Guerra

Arriba: Emilio Álvarez Negreira, Sabino Torres (terceiro pola esquerda) e Manuel Cuña Novás (de pé, á dereita), en Pontevedra. Á dereira: portada do primeiro libro de Manuel María// Fundación Cuña-Casasbellas/ Real Academia Galega

Eran moi novos, gustáballes o teatro e todos querían ser poetas. Era o grupo de amigos de Sabino Torres, que dende a imprenta familiar (Gráficas Torres, ubicada daquela na rúa Don Filiberto) impulsou a colección Benito Soto, decisiva para a poesía galega no século XX e a primeira na nosa lingua que vía a luz trala Guerra Civil.

A Real Academia Galega (RAG) celebrará mañá no Museo o 70 aniversario desta colección co nome do pirata da Moureira, un acto ao que convocou a escritores e familiares dos autores que formaron parte desta aventura.

O presidente da institución, Víctor Freixanes, tamén intervirá neste encontro, foi editor de dous libros de memorias de Sabino Torres e lembra que este "foi unha persoa moi vinculada ao xornalismo pontevedrés dos anos 40, como director de Litoral e da revista Ciudad, que foron publicacións dunha época onde Pontevedra tiña unha actividade xornalística importante".

Sabino Torres era o fillo do propietario de Gráficas Torres e cando pechan a revista Ciudad, que non se sostiña economicamente, pensa nun novo proxecto. "Xunto con Álvarez Negreira e Manolo Cuña Novás, que eran seus amigos e compañeiros de redacción, e Rafael Alonso, o acuarelista que facía as portadas dos libros, deciden facer a colección porque todos soñaban con ser poetas".

Incorporan posteriormente a Celso Emilio Ferreiro, que daquela vivía en Pontevedra. "Era maior que eles, unha persoa xa recoñecida, publicaba en prensa e era conferenciante", sinala neste punto Freixanes, e todos eles poñen en marcha unha experiencia que "tiña moito de aventura xuvenil e algo de disparate marabilloso, pero que puxo as bases da primeira colección estable de poesía en lingua galega" que se publica despois do 36.

Carvalho Calero, Alvaro Cunqueiro ou os hirmáns Álvarez Bláquez figuran na nómina da colección, na que publican os seus primeiros poemarios Luis Pimentel e Manuel María.

Trátase dunha intensa actividade que consegue un amplo catálogo de libros en apenas dous anos. Así, tras poñerse en marcha no 1949 "no 51 remata por ciumes dentro na vida intelectual pontevedresa, o que ocorre sempre nestes casos, e algún desencontro coas autoridades".

Os problemas multiplicáronse co intento de publicar Musa Alemá, con poemas traducidos ao galego da literatura alemá, unha pretensión de Celso Emilio Ferreiro e Freixeiro que "se considerou que sacaban os pés do testo aqueles mociños e incluso o libro de Cuña Novás tivo unha edición medio clandestina e partir de aí deixaron esta aventura".

Compartir el artículo

stats