Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Amalia Bóveda: "Aquí roubáronnos o futuro; e aquí o presente comeza a reclamalo"

As familias Bóveda, Caamaño e Paz sumáronse onte á querela arxentina contra os crimes do réxime franquista - A sinatura tivo lugar no Pazo provincial da Deputación

Alexandre Bóveda.

"Agradecida sempre, por lograr facer que neste momento no que estamos, de búsqueda de xustiza, me sinta cada día máis acompañada, co cal, cada día máis forte. Agradecida por permitir e iniciar este novo camiño aquí, aquí, onde meu pai tanto traballou pola Deputación, pola República, polo Estatuto, pola democracia; onde tamén defendeu iso ata que foi detido, tamén aquí. E aquí volta preso, ata que de novo é falsamente xulgado e inxustamente condenado. Aquí o futuro nos foi roubado, e aquí o presente comeza a reclamalo".

Con estas palabras, pronunciadas con sinceridade e valentía, e visiblemente emocionada, Amalia Bóveda dirixiuse aos centos de persoas que ateigaron onte a sala de Plenos do Pazo Provincial da Deputación para presenzar un fito histórico: a adhesión de tres familias pontevedresas á querela arxentina contra os crimes do réxime franquista.

No marco das xornadas contra a impunidade organizadas pola institución provincial, a primeira Administración pública de Galicia que apoia a vía xudicial contra os delictos cometidos durante a o réxime franquista, descendentes de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz asinaron a súa adhesión á querela arxentina, unha causa pola que leva 9 anos loitando a xuíza María Servini dende o seu xulgado do Penal de Bos Aires, posto que os tribunais españois non asumen este labor, rexeitando e botando abaixo todas as causas que se intentaron interpoñer.

Contra a impunidade

A filla de Alexandre Bóveda selou cun tenro bico ao seu anel as súas palabras de agradecemento, que tamén estiveron dirixidas ao seu fillo Valentín García Bóveda. Sostendo a man da súa nai, Valentín escoitou como Amalia lle agradecía publicamente o feito de "tirar de min, dos nosos dereitos, sen frustración e cunha visión diferente do pasado. Cun sorriso, si, pero non vos enganedes, pois ese sorriso busca tirar o sistema". Amalia Bóveda finalizou o seu discurso agradecendo a todas as persoas que fixeron posible "que chegara este día".

A rúbrica levouse a cabo entre as mesmas paredes nas que retumbou a lectura da sentenza de morte que condenou aos seus hai 83 anos. De feito, na súa intervención, Begoña Caamaño, leu en voz alta a resolución fascista que posteriormente segaría inxustamente a vida do seu avó, quen fora presidente da propia Deputación pontevedresa no ano 31. "Neste acto, e coa sinatura de hoxe, reivindicamos a anulación das sentenzas de morte por traizón á patria, dunhas persoas cuxo único delito foi manterse fieis á legalidade e opoñerse a un levantamento militar contra un Goberno elexido tras unhas eleccións democrácticas. Papá, abuela Matilde e tías, isto vai por vós".

Begoña, quen estivo acompañada pola súa irmá Olga Caamaño, tamén criticou que "ningún goberno na democracia actual tivo a valentía de anular estas sentenzas. Chegados a este punto, tras unha transición considerada modélica en moitos aspectos, pero que permitiu que o franquismo permanecera inscrustado na sociedade e nas administracións públicas, pasando páxina dunha ditadura a unha democracia na que moitos dos seus actores se mantiveron nos seus postos, con tan só un cambio de papel e lavado de cara. Daqueles polvos, veñen estes lodos, e proba disto é o rexurdimento da extrema dereita", finalizou.

Malia que inicialmente tan só estaba previsto que dúas familias asinaran a adhesión á causa, a familia Paz converteuse na terceira de Pontevedra, tras a de Alexandre Bóveda e Amancio Caamaño, en sumarse a esta querela que procura a restauración da verdade, da memoria e da dignidade dos milleiros de familias que foron perseguidas, vexadas, violadas, asasinadas e repudiadas, ata sumar máis de 5.000 na Galicia.

"Estamos aquí porque hai que estar. Polo noso avó e polo noso pai, que loitou toda a vida contra esta inxustiza. E que hoxe xa non está". Estas foron as palabras de Cano Paz, neto do impresor Ramiro Paz fusilado o 12 de novembro do 36 na Caiera. O neto de Ramiro, quen estivo acompañado pola súa irmá Nine Paz, explicaba así a decisión da súa familia de asinar a súa adhesión á causa deixando logo paso a bágoas de dor e emoción.

O acto foi clausurado pola actuación da cantautora galega MJ Pérez quen interpretou dous temas de creación propia que conmoveron ao público asistentes e aos familiares dos tres represaliados.

Compartir el artículo

stats