"Agradecida sempre, por lograr facer neste momento no que estamos, de búsqueda de xustiza, me sinta cada día máis acompañada, co cal, cada día máis forte. Agradecida por permitir e iniciar este novo camiño aquí, aquí, onde meu pai tanto traballou pola Deputación, pola República, polo Estatuto, pola democracia; onde tamén defendeu iso ata que foi detido, tamén aquí. E aquí volta preso, ata que de novo é falsamente xulgado e inxustamente condenado. Aquí o futuro nos foi roubado, e aquí o presente comeza a reclamalo".

Con estas palabras, pronunciadas con sinceridade e valentía, e visiblemente emocionada, Amalia Bóveda dirixiuse aos centos de persoas que ateigaron esta mañá a Sala de Xuntas do Pazo Provincial da Deputación para presenzar un fito histórico: a adhesión de tres familias pontevedresas á querela arxentina contra os crimes franquistas.

No marco das xornadas contra a impunidade organizadas pola institución provincial, a primeira Administración pública de Galicia que apoia a vía xudicial contra os delictos cometidos durante a o réxime franquista, descendentes de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz asinaron a súa adhesión á querela arxentina, unha causa pola que leva 9 anos loitando a xuíza María Servini dende o seu xulgado do Penal de Bos Aires, posto que os tribunais españois non asumen este labor, rexeitando e botando abaixo todas as causas que se intentaron interpoñer.

Na súa intervención, Begoña Caamaño, leu en voz alta a sentenza de morte coa que condenaron inxustamente ao seu avó, quen fora presidente da Deputación pontevedresa no ano 31. "Neste acto, e coa sinatura de hoxe, reivindicamos a anulación das sentenzas de morte por traizón á patria, dunhas persoas cuxo único delito foi manterse fieis á legalidade e opoñerse a un levantamento militar a un Goberno elexido tras unhas eleccións democrácticas. Papá, abuela e tías, isto vai por vós".

Malia que inicialmente tan só estaba previsto que dúas familias asinaran a adhesión á causa, a familia Paz converteuse na terceira de Pontevedra, tras a de Alexandre Bóveda e Amancio Caamaño, en sumarse a esta querela que procura a restauración da verdade, da memoria e da dignidade dos milleiros de familias que foron perseguidas, vexadas, violadas, asasinadas e repudiadas, ata sumar máis de 5.000 na Galicia.

"Estamos aquí porque hai que estar. Polo noso avó e polo noso pai, que loitou toda a vida contra esta inxustiza. E que hoxe xa non está". Estas foron as palabras de Anxo Paz, neto do impresor Ramiro Paz fusilado o 12 de novembro do 36 na Caiera, trala sinatura da súa adhesión á querela arxentina contra os crimes franquistas.