Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A memoria que non asasinaron no 36

O xinecólogo pontevedrés, Luís Poza Pastrana, xunto co seu cuñado José Adrio Barreiro, avogado e membro da xestora da Deputación de Pontevedra, eran condenados hai 83 anos

A familia Poza nos anos 20. // Cedida

Sen tan sequera acadar as 30 primaveras e con toda a vida por diante, naquela época xa se convertera nun respectado xinecólogo con praza no Gran Hospital Provincial de Pontevedra. Daquela, as súas inquedanzas non só se limitaban ao eido da medicina, pois participaba de maneira activa na política e no fervedoiro cultural da Boa Vila.

Membro do Comité de Cooperación Intelectual de Pontevedra, con 23 aniños foi un dos que recibiu ao poeta Federico García Lorca na cidade capitalina o 19 de novembro de 1932, quen viña impartir unha conferencia ao Cine Coliseum. Así mesmo, afírmase na tradición familiar que chegou a ser o secretario particular de Alexandre Bóveda, logo de teren ingresado no Partido Galeguista.

Foi un 31 de outubro cando asinaron a súa sentenza de morte. Xulgado en Pontevedra por traizón, logo de seren destituído da súa praza de médico no Hospital Provincial o 18 de agosto de 1936, Luís Poza Pastrana era procesado e posteriormente fusilado na Caeira o 12 de novembro do 36. O seu corpo caía na terra abatido polas covardes balas falanxistas xunto co do seu cuñado, o avogado José Adrio Barreiro, os de dous compañeiros máis de profesión, Amancio Caamaño e Telmo Bernárdez; o do impresor pontevedrés Ramiro Paz, o do xornalista Víctor Casas, e os dos mestres Begningo Rei, Paulo Novás e Germán Adrio.

Esta semana cumpríronse 83 anos dende que se emitiu aquela sentenza que segou a vida destes nove homes ilustres vencellados á sociedade pontevedresa, quedando rexistradas as súas mortes nos papeis de caligrafía franquista como consecuencia, todas e cada unha delas, "de hemorraxia interna".

A familia Poza

No seu artigo de investigación 'A familia Poza: un exemplo de republicanismo e librepensamento en Pontevedra', o historiador galego Carlos Pereira recolle de maneira fidedigna a vida dos diferentes membros desta familia pontevedresa que tantas vidas salvaron, tanto nos hospitais como nas prisións.

Co triunfo da sublevación militar fascista, o pai e o irmán de Luís, Celestino Poza Cobas e Tino Poza, respectivamente, corren a mesma sorte e son detidos. Testemuñas do momento, como Evaristo Antonio Mosquera, contan que nese tempo Celestino Poza realizou unha longa peregrinaxe por outros cárceres da provincia, nos que foi sometido a torturas, quedándolle sen movemento unha man, que exercitaba cunha pelota de goma ata que a recuperou.

Carlos Pereira recolle que é neste momento cando o médico pontevedrés toma a decisión de deixar medrar a barba, facendo a promesa de que non a cortaría ata que se gañase a guerra. É en agosto de 1936 cando, xunto co seu fillo Tino e outros republicanos, foi trasladado á illa de San Simón.

Luís Bará, autor do libro de memoria histórica "Non des a esquecemento", explica que "Celestino Poza foi moi querido e idolatrado polos presos da illa pois lles deu amparo, coidados e salvou a vida de moitos. De feito, en todas as memorias, os presos falan con devoción da súa persoa".

Por outra parte, Antonio Mosquera conta que o pai dos Poza, realizaba uns paseos pola illa imaxinando que o facía polas paisaxes de Pontevedra: "Como tiña medidos os pasos, calculaba os quilómetros que andaba, e recreaba, cos seus compañeiros, os lugares polos que, na súa imaxinación, ía paseando".

Dado o seu labor sanitario cos presos, e mesmo con oficiais da prisión, lles ofrecen durmir na Oficina, pero tanto Tino pai como fillo, nun acto de dignidade e coherencia co seu pensamento, rexeitan esta oferta e continúan convivindo co resto de presos, durmindo nos barracóns. É un frío novembro cando saben do fusilamento de Luís.

Dor de nai

A peregrinaxe de Consuelo Pastrana, a nai de Luís, tamén é significativa da tortura e barbarie do momento. Logo de emitirse a sentenza de morte contra o seu fillo, Consuelo viaxa ata Burgos para tentar salvarlle a vida, a súa e a de Celestino pai e fillo, pois padecía con anguria as "sacas" que acontecían na Illa de San Simón.

Cando chega a Burgos, a ela e ás demais mulleres lles aseguran que lles conceden o indulto para os seus, mais para cando Consuelo regresa a Pontevedra, o seu fillo Luís xa fora asasinado. Montse Fajardo recolle na páxina "Do gris ao violeta" que Pastrana "sempre pensou que nese asasinato pesou máis a envexa profesional que o feito de que fose o secretario do Partido Galeguista, pois a súa implicación política era menor que a doutros membros da familia que salvaron a vida, como Celestino pai, que fora deputado nas Cortes por Izquierda Republicana".

É por isto que chegou a enfrontarse co médico ao que consideraba instigador do crime, berrando: "Asasino!", na Praza da Peregrina. Conta Fajardo que aquel home tan só baixou a cabeza e a mirada e continuou camiñando.

Compartir el artículo

stats