Co acompañamento do son da gaita e do tamboril e nunha mañá de choiva persistente. Así foi inaugurado onte o poboado prehistórico do Parque Etnoarqueolóxico de Salcedo, un fermoso proxecto que nace da man da veciñanza e dos comuneiros da parroquia e que o Concello de Pontevedra e a empresa A Citania, Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio fixeron realidade, logo de anos de loita por recuperar uns terreos ocupados durante décadas pola Brilat.

Trátase da reconstrución fidedigna dunha aldea da Idade do Cobre ou Calcolítico nunha parcela situada no lugar de Outeiro das Mouras e que conta cun total de 1.500 metros cadrados.O poboado, que dende onte xa é posible visitar libremente e de maneira gratuíta, está integrado por unha cabana comunal, tres pallozas, corrais, fosas de almacenaxe, un estanque e unha zona na que máis adiante se recrearán as fogueiras que facían os antigos moradores desta zona.

"Este é un elemento máis de posta en valor del monte". Así o destacou o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, na súa intervención, logo da visita ás cabanas da aldea. O comuneiro lembrou que a visita ao Parque Etnoarqueolóxico de Salcedo é a partir de agora "máis que recomendable", pois é un enclave pensado para o goce das familias, das crianzas e tamén da comunidade escolar.

O acto de inauguración contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen manifestou o seu "orgullo" por veren feito realidade o proxecto de recuperación do patrimonio cultural e natural do municipio e pola posta en valor "da nosa historia como pobo galego".

O rexidor destacou que para o Concello "foi moi doado traballar coa Comunidade de Montes de Salcedo, porque fan propostas serias, sensatas e trabállanas. Estes últimos dez anos foron un avance, dada a preocupación da nova diretiva pola recuperación deste espazo".

A recuperación do monte

Tanto Fernando Pintos, como o antropólogo Rafael Quintías, tamén membro da Xunta reitora dos comuneiros de Salcedo, fixeron referencia á importancia da recuperación do monte por parte da veciñanza, pois ata non hai moito, eran escorregados desa paraxe natural polos militares de Brilat, que desenvolvían naquela zona as súas manobras.

Neste senso, o presidente dos comuneiros destacou que "foi a veciñanza a que logrou que non nos aniquilaran esta zona cun campo de manobras da Brilat, pois a través dunha denuncia conseguimos evitalo". Recorda que en máis dunha ocasión foi expulsado dos terreos polos militares, pero el nunca marchou, "máis existe un grupo de mulleres de 90 anos que hai máis de 30 que non pisan o Outeiro das Mouras, cando de novas elas viñan aquí descalzas a por leña, co gando, a lavar, ... e botáronas", indicou o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo.

Por último, Pintos sinalou que "nós descoñeciamos o patrimonio que tiñamos aquí e, a partir de hoxe (por onte) as xeracións vindeiras terán a oportunidade de aprender dos seus antepasados".

Ao acto de inauguración asistiu un centenar de veciños da parroquia que, logo de visitar a aldea calcolítica, degustaron uns pinchos.