-En que medida está relacionada a reconstrución desta aldea coa historia de Outeiro das Mouras?

-Está estreitamente relacionado porque fai referencia ao patrimonio material que temos a 200 metros nas estacións de arte rupestre. Temos constancia arqueolóxica da presenza humana nesta zona hai máis de 6.000 anos: hai mámoas, restos de túmulos e petróglifos. Este lugar estaba habitado e por iso xorde a idea da recreación do poboado, para que sirva como recurso didático sobre o uso do monte, dende a prehistoria ata hoxe.

-A veciñanza poderá coñecer así como se vivía antigamente neste lugar.

-Toda a cidadanía de Pontevedra, de Galicia e de fóra, porque é un proxecto arqueolóxico experimental feito dende unha nova perspectiva de xestión dos montes comunais, tendo en conta a posta en valor do noso patrimonio e dos usos sociais do monte. A xente poderá facer unha viaxe pola nosa historia para saber de onde vimos.

-As cabanas están recreadas de maneira fidedigna?

-Si. Están construídas en base a todo o coñecemento arqueolóxico que existe e empregando os recursos que había daquela.

-Fai falla máis implicación por parte das administracións galegas para recuperar estes enclaves?

-É o que marca a lei. Eles son responsables de salvagardar a herdanza patrimonial e a cidadanía debera vixiar que iso se cumpra.