Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Conchi Cochón: "Na cidade de Pontevedra temos rúas que teñen nomes de hai mil anos"

Un total de 212 vías e prazas da capital do Lérez levan nomes de homes e so 26 (sumando os 7 "bautizos" recentes) de veciñas

Conchi Cochón: "Na cidade de Pontevedra temos rúas que teñen nomes de hai mil anos"

A Real Academia Galega celebrou onte no Museo a súa cuarta Xornada de Onomástica, na que participou Conchi Cochón para explicar cómo evoluiu a denominación das rúas en Pontevedra, unha das localidades galegas máis cuidadosas no respecto á historia dos seus barrios e vecinos.

- Como se nomearon as rúas desta cidade?

-Vou centrarme nos últimos 40 anos, a partir dos anos 80 porque é cando a lexislación lingüística determina a forma moderna, actual, dos nomes de todos os topónimos, tamén os urbanos.

- Como teñen que nomearse as vías públicas?

-As rúas nomeanse con criterios políticos, porque son os concellos os que teñen a encarga legal de nomear as vías urbanas.

- Que criterios se aplican en Pontevedra?

-Están artellados en torno a tres eixos dende fai vinte anos, foron evoluindo pero poderíamos falar de tres eixos. Un deles é retirar todas as homenaxes a personas afectas ao franquismo, renomear as rúas que tiñan eses nomes. Outro é recuperar a toponimia tradicional, tanto fixar a viva como recuperar os nomes que se foron perdendo pola urbanización do territorio do concello; e un terceiro eixo é visibilizar ás mulleres nas vías urbanas para darlles visibilidade e recuperar a memoria das veciñas que foron conformando a historia da cidade, e para ir compensando a diferente presenza de homes e mulleres.

- E moi importante esa diferenza entre homes e mulleres no rueiro da cidade?

-É tremenda, hai 212 rúas e prazas que levan nome de home e só 26 de mulleres, esta cifra contando xa coas novas rúas que se foron nomeando nos últimos anos. Dende 2015, que foi cando se tomou o acordo plenario para completar o criterio da toponimia, que segue sendo prioritario, co dos nomes de mulleres, as 7 rúas que se nomearon levan nome de muller. Aínda así con esas 7 só son 26 frente aos 212 nomes de homes.

- Tamén priman os nomes de homes con respecto á toponimia?

-Topónimos tradicionais nas nosas vías urbanas son 182, así que a diferenza cos homes, sí, tamén é moi grande.

- Por que é fundamental a recuperación da toponimia tradicional?

-Porque é parte da nosa historia, recuperarmos e conservarmos a microtoponimia tradicional é un exercicio de memoria, cultura e xustiza. A toponimia explica de onde vimos, quen somos, como se formou o noso territorio... É unha parte moi importante do noso acervo lingüístico, e tamén unha parte importantísima da nosa memoria, e a memoria é algo que compre ter en conta para poder mirar ao futuro. Hai nomes que se perderon e con eles tamén moitísimo da historia de Pontevedra.

- Que nomes non deberíamos ter perdido?

-Por exemplo O camiño da Illa, que hoxe é a rúa Martín Códax, separa O Burgo do que era a xunqueira, fálanos de cando esa zona era auga e terra. Pois nalgún sitio daquela xunqueira había unha illa, que seguramente tiña moitísima importancia no Camiño cara Santiago e nos usos que facían dos vecinos do Burgo desa zona. Outra zona que foi unha mágoa é o Borrón.

- Onde estaba o antigo Borrón?

-Ata 1911 o Borrón era a rúa avenida de Bos Aires, cambiouselle o nome nesa data. E o Borrón era un sitio, que xa non sabemos moi ben onde estaba, pero que é importantísimo na historia de Pontevedra, porque é alí onde vive Urco, o noso ser máxico, o noso ser mítico por excelencia. Pero hai máis, como o Eirado das torres.

- Ligado imaxino ás desaparecidas torres arcebispais

-Claro, fala de cando Pontevedra tiña o pazo arcebispal coas súas altísimas torres dende as que se dominaba toda a ría. E estaba cerca o Campo das rodas, a Alameda actual, eso fálanos dos usos que tiña esa alameda. Hoxe en día é Alameda Arquitecto Sesmero porque se lle retirou o nome de Alameda de José Antonio pero é unha mágoa. Porque finalmente ao arquitecto Sesmero lembrámolo polas súas obras e pola configuración do ensanche de Pontevedra, pero o Campo das rodas é parte da nosa histotia, non o temos ahí nomeado e perdémolo.

- Porque cada vez que deixamos de nomear as rúas como o fixeron sempre os vecinos de cada sitio perdemos patrimonio

-Nin imaxinamos o que perdemos, perdemos anacos de historia, hai topónimos antiquísimos, como Espincelo, que é unha rúa de Pontevedra que está na zona de Campolongo. Ese é un topónimo que se recuperou da documentación escrita, primeiro do Catastro do Marques de Ensenada, así que xa estaba vivo no século XVIII, pero si se analiza a palabra vese que o sufixo "elo" marca unha antigüidade que nos retrotae a 1.000 anos, ás primeiras épocas da formación da lingua. É un diminutivo, e antes de ter o de "iño" tivemos ese, por eso Campelo é moito máis antigo que Campiño. É un exemplo de que nesta cidade temos rúas que teñen nomes de hai mil anos.

- Un tema que se debate nas xornadas é que hai rúas que conservan o nome dende a Idade Media

-Claro, no caso de Pontevedra sabemos por exemplo que hai rúas que están dende a formación da cidade, que se conservaron como tal rúa, algunhas ata conservan malamente a súa configuración orixinal e teñen maís o menos o nome dende hai centos de anos, sí, sobre todo no centro histórico.

- En Pontevedra cantas rúas recuperaron nos últimos anos os seus nomes tradicionais?

-Fixen o cómputo dos topónimos que se recuperaron da documentación escrita, que son 26. Despois outra cousa son os nomes que fixan a toponimia viva, por exemplo Pasarón, cando se nomeou a praza de Pasarón recuperouse ese nome de moito antes de ser o nome do campo de fútbol (sorrí), porque Pasarón era o nome desa zona. Pasarón é unha pasaxe entre as dúas xunqueiras, era a zona de pasaxe entre a zona da Xunqueira do río Rons e a Xunqueira onde está hoxe o Pazo da Cultura. Pero temos máis: Corbaceiras fálanos da configuración do río, Pedra do Lagarto, que era un lugar da parroquia. Por sorte aínda que perdemos algunha toponimia ao longo dos séculos estase mantendo a maneira de chamarlle aos lugares. Con todo, queda moito aínda por facer.

Compartir el artículo

stats