O Arquivo da Real Academia Galega conserva un rico fondo do catedrático Alfredo de la Iglesia, descuberto por Xesús Alonso Montero, quen salientou un manual de historia da literatura galega que o catedrático escribiu para o seu alumnado do Instituto de Pontevedra durante 1919 e 1920, un traballo " inospeitable naquel tempo e naquel autor" recoñece o académico. Xesús Alonso comparte agora co público a descuberta deste texto único e da propia figura do seu autor en "Alfredo de la Iglesia. O Intelectual, o educador e o autor do primeiro manual de Literatura Galega para escolares de Instituto" (1919). O novo volume da colección ofrece en edición semi-facsimilar o insólito libro de texto, que será presentado polo académico, mañá, xoves, en Pontevedra.

A presentación do manual dedicado a Alfredo de la Iglesia será nun acto público na Casa Das Campás, a partir das 20.00 horas. Acompañarano o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e un representante da Diputación de Pontevedra, con cuxo apoio se publica o que é o cuarto volume da colección Letras da Academia.