A primeira edición dos premios "Mil primaveras" chega a Pontevedra co obxetivo de valorar e recoñecer os proxectos e as campañas relacionadas coa promoción da lingua galega. O acto de entrega, que se presentou onte, será o vindeiro 21 de setembro no Pazo da Cultura ás 11.30 horas nun acto conducido pola regueifeira Lupe Blanco e Luís O Caruncho.

Esta iniciativa foi creada e organizada pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística, CTNL. Nesta primeira edición serán seis os proxectos galardonados entre máis dos 47 presentados á convocatoria. Os gañadores son: "Modelo Burela" do IES Perdouro, co premio ao mellor proxecto estabilizado; "Falemos de ti e min" do IES de Soutomaior, co premio ao mellor proxecto novo; "Desafío 48h" do IES María Casares de Oleiros, co premio á mellor comunicación e impacto; "Youtubeir@s" de 13 concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña, co premio ao programa máis innovador; "Eu presumo de galego" do IES de Melide, co premio ao mellor proxecto destinado á mocidade, e "GCiencia", co premio ao mellor proxecto dun ámbito sectorial.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, destacou a importancia destes premios para difundir o traballo de aqueles que promoven o galego. Desde a Deputación, a deputada de Lingua, María Ortega, defendeu a incidencia destes premios "na poboación moza e nas crianzas" por seren "eles e elas as que continuarán difundindo e perpetuando no tempo o noso legado lingüístico". Pola súa banda, a presidenta da CTNL, Anxos Sobriño, explicou que os premios queren "recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística", ademais de "fomentar a lingua".

Os premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos. O xurado estivo formado por persoal técnico do ámbito da normalización lingüística, da comunicación e da investigación sociolingüística.