Pontevedra e Poio conmemoraron onte o Día da Galiza Mártir, no que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou ante o monumento a Alexandre Bóveda, na Caeira, "medidas de recuperación da memoria histórica", como "anular os xuizos franquistas, que se institucionalice esta data como o día da Galiza Mártir, que fagamos algo por recuperar os bens espoliados polo franquismo, e que se poña fin á impunidade, algo que está reivindicando a ONU, que di que non pode haber unha lei de amnistía que signifique un punto e final para crimes contra a humanidade, como foron os que se cometeron aquí desde o ano 1936".

Na homenaxe a Alexandre Bóveda celebrado este 17 de agosto no lugar no que hai 82 anos foi asasinado o galeguista, Ana Pontón afirmou que a ferida aberta contra as familias e vítimas da represión franquista en Galiza "non se vai curar co esquecemento nin a impunidade". Só e posible curala, dixo, "coa verdade, a reparación e a xustiza."

Ao acto asistiron representantes de todas as forzas políticas, entre eles parlamentarios e concelleiros do PSOE, PP, Marea, ou Anova.

Despois da homenaxe ante o monumento da Caeira, celebrouse un xantar e entrega do XIV Premio Día da Galiza Mártir no parque de Amalia Álvarez de Pontevedra, unha ofrenda no cemiterio de San Amaro e un acto político na Praza de Curros Enríquez de Pontevedra, ante a estatua de Bóveda.

Nacionalismo

No acto de Poio, a portavoz nacional do BNG recalcou que Alexandre Bóveda entregou a súa vida por Galiza, a democracia, pero tamén foi un dos artífices do nacionalismo a través do galeguismo na Segunda República e a pesar do tempo transcorrido hai algo -dixo Pontón-, que non cambiou: "a necesidade do nacionalismo ante a crise do réxime".

Día a día, dixo Pontón, "as forzas estatais están a demostrar que non contan cunha axenda galega nin atenden ás necesidades de Galiza. Si queremos construír un futuro mellor e con oportunidades, a clave é o nacionalismo", aseverou.

Ante a presenza da filla de Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda, o seu neto Valentín García Bóveda, o presidente da Fundación Castelao Carlos Mella, e os alcaldes de Poio e Pontevedra, Luciano Sobral e Miguel Anxo Fernández Lores, a portavoz nacional do BNG apuntou que neste 17 de agosto se homenaxea a Alexandre Bóveda "pero con él a todas as vítimas da represión franquista, que foron miles no noso país, que deixou unha ferida democrática, unha ferida nas familias, que non se vai curar sobre a impunidade e o esquecemento, senón que se vai curar sobre a verdade, sobre a reparación, sobre a xustiza, e iso é precisamente o que hoxe reivindicamos aquí, reivindicamos a Bóveda e a necesidade de políticas de recuperación da memoria histórica". No BNG, engadíu, "levamos tempo dicindo que Galiza necesita unha lei de memoria histórica, que o día 17 de agosto ten que ser un día institucionalizado, que oficialmente a propia Xunta de Galiza o recoñeza como tal, e o celebre como tal, que é unha maneira de facer xustiza, de reparación". Pero, pola contra, "levamos dez anos nos que vimos que a aportación de Alberto Núñez Feijóo foi dedicarlle cero euros á recuperación da memoria histórica e ó mesmo tempo darlle máis de sesenta mil euros á familia Franco para que convertira o Pazo de Meirás nun centro de apoloxía do fascismo".

Tamén Antón Sánchez, de Anova, reivindicou esta data para "lembrar a Alexandre Bóveda e a xente máis anónima que fixeron un traballo que non fixeron as administracións públicas que é o traballo de recoñecer a estas persoas, lembrar o que pasou aquí e reparar ás vítimas e ás familias na súa dignidade atropelada no 36".

O presente -dixo Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda-, "manca a quen procura a verdade, a xustiza e a reparación", polo que reinvindicou, no lugar onde as forzas franquistas asasinaron ao seu pai, que "é o momento da valoración da memoria colectiva, como rasgo inconfundible desa parte da sociedade que quere avanzar". Amalia Bóveda advertíu que "a división mailos réditos particulares son un luxo que non nos podemos permitir. É un erro no que non debemos caer" e reclamou que "a mellor e máis potente memoria que debemos traballar é conseguir que os anceios de progreso dos mártires galegos. Que o seu futuro soñado, sexa o que esté por vir. Soñar despertos e por separado é unha forma de insomnio, e o insomnio non deixa ver a realidade de día".

Pancho Casal, parlamentario de En Marea, reivindicou "a memoria das xentes lúcidas, as luces de Galiza, en contra das sombras" e ás "persoas que abriron o espertar de Galiza e que hai que lembrar para que non se repita o sucedido".

Pola súa parte, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, incidíu na necesidade de "construir un país, un país novo, que defenda a liberdade e todo aquelo polo que loitou Bóveda" e lembrou as palabras de Castelao cando dixo que "Os que mataron a Bóveda mataron unha Galiza chea de luz, pero nós crearemos outra nova e entón o mártir revivirá".

Sobral lembrou ademáis as figuras dos desaparecidos Fernando Quintela e Avelino Pousa Antelo, antes de rematar o acto cun "Viva Galiza!".