17 de agosto de 2019
17.08.2019

Pontón recorda ante o monumento a Bóveda que a ONU esixe poñer fin á impunidade dos crimes do 36

A portavoz nacional do BNG asiste en Pontevedra e Poio aos actos do Día da Galiza Mártir

17.08.2019 | 15:37
Pontón recorda ante o monumento a Bóveda que a ONU esixe poñer fin á impunidade dos crimes do 36

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este 17 de agosto ante o monumento a Alexandre Bóveda, en Poio, "medidas de recuperación da memoria histórica", así como "anular os xuizos franquistas, que se institucionalice esta data como o día da Galiza Mártir, que fagamos algo por recuperar os bens espoliados polo franquismo, e que se poña fin á impunidade, algo que está reivindicando a ONU, que di que non pode haber unha lei de amnistía que signifique un punto e final para crimes contra a humanidade, como foron os que se cometeron aquí desde o ano 1936".

A portavoz nacionalista visita este sábado os concellos de Poio e Pontevedra para conmemorar o Día da Galiza Mártir e lembrar e honrar ao político asasinado polos franquistas, Alexandre Bóveda, e a todas as persoas represaliadas na defensa da liberdade e a democracia en Galicia.

No acto celebrado en Poio, Ana Pontón reivindicou que ó longo destes anos "hai unha cousa que non cambiou que é a necesidade no nacionalismo. No medio desta crise do réxime que estamos vendo, as forzas estatais demóstrannos unha vez máis que non teñen unha axenda galega sobre a mesa, que non atenden as necesidades de Galiza".

Ante a presenza da filla de Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda, o seu neto Valentín García Bóveda, o presidente da Fundación Castelao Carlos Mella, e os alcaldes de Poio e Pontevedra, Luciano Sobral e Miguel Anxo Fernández Lores, a portavoz do BNG apuntou que neste 17 de agosto se homenaxea a Alexandre Bóveda "pero con él a todas as vítimas da represión franquista, que foron miles no noso país, que deixou unha ferida democrática, unha ferida nas familias, que non se vai curar sobre a impunidade e o esquecemento, senón que se vai curar sobre a verdade, sobre a reparación, sobre a xustiza, e iso é precisamente o que hoxe reivindicamos aquí, reivindicamos a Bóveda e a necesidade de políticas de recuperación da memoria histórica".

No BNG, lembrou, "levamos tempo dicindo que Galiza necesita unha lei de memoria histórica, que o día 17 de agosto ten que ser un día institucionalizado, que oficialmente a propia Xunta de Galiza o recoñeza como tal, e o celebre como tal, que é unha maneira de facer xustiza, de reparación".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia