O 18 de xullo de 1936 Constante Moreda, nado na parroquia viguesa de Lavadores, ofreceu sen sabelo aos seus 42 anos o seu derradeiro concerto. Era un grandísimo gaiteiro que levaba máis dunha década gañando cantos concursos participaba. Fundara Queixumes dos pinos, Airiños do mar de Teis e o cuarteto Airiños de Cabral, pero o seu talento (que fixo que incluso superase nun certame a Cachafeiro, o mítico gaiteiro de Soutelo) non evitou que este músico e militante comunista fose xulgado por rebelión e executado ese mesmo ano.

O Memorial Ricardo Portela lembrará no seu vixésimo aniversario a este gaiteiro irrepetible, un recoñecemento que fai extensivo a todos os que foron asasinados, torturados ou desapareceron tras do golpe fascista.

O Memorial principiará esta tarde coa apertura ás 17 horas na Ferraría dos postos da Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais. Neste 2019 tomarán parte na mesma algúns dos mesteirais máis recoñecidos de Galicia, caso de Xaneco, Oli Xiráldez, Master Gaita, Alberto Pires, Queima, O Chilro, Foliqueiras, Afonso Castro, Diego Langarika, Lorena Reinaldo, Luis Martínez e Tunhas.

Ás 17.30 horas será o turno dos músicos, de xeito que farán pasarrúas por distintos espazos da cidade Axio Mouro, Ghaiteiras d´Arredor, Iván Costa, Os Carunchos e os Gaiteiros das Rías Baixas.

A xornada rematará co concerto dos Viqueiras ás 21 horas na Ferraría.

A Mostra de Artesáns reabrirá mañá de 11.30 a 14 e de 17 a 21.30 horas. Tamén en sesións de mañá e tarde sucederanse os pasarrúas e actuacións dos grupos Cántigas e Frores, Lubicáns, Meiró, Os Millarancos e Picuiña.

Pola súa banda, no escenario da Ferrería comezará ás 21 horas a homenaxe a Constante Moreda Vázquez, un recoñecemento que incluirá o concerto dos Cantares do Brión, co que se despedirá este Memorial que leva o nome do gaiteiro de Viascón.