O Concello de Cerdedo-Cotobade, xunto coa Xunta de Galicia e a Real Academia Galega (RAG), está a desenvolver estes días unha completa axenda en Brasil para levar as Letras Galegas 2019, adicadas a Antonio Fraguas, ao colectivo da emigración. Por este motivo, vén de celebrarse en Salvador de Bahía o acto central desta programación, consistente nun acto cultural con xantar na memoria do Fillo Predilecto e persoeiro central da cultura galega deste ano.

Nesta xuntanza, presidida polo rexedor en funcións, Jorge Cubela, honrouse a Antonio Fraguas ante centos de persoas, entre os que destacou a presenza de 90 orixinarias de Cerdedo-Cotobade, principalmente das parroquias de Augasantas e Valongo, entre outras.

Ademais, o presidente municipal tamén aproveitou este acto para homenaxear ás cinco mulleres que cada ano organizan, o 7 de setembro, a romaría de Augasantas en Brasil para que se celebre de xeito paralelo á que ten lugar na parroquia cotobadesa.

Cancioneiro de Cotobade

Cubela entregoulle un ramo a cada unha e tres exemplares dos libros "Cancioneiro de Cotobade", de Antonio Fraguas, a reedición de "O Canón de Pau", de Salustiano Portela, e a versión breve de "Terras de Cotobade", de Xosé Fortes", para terminar cantando o himno da Virxe da Nosa Señora de Augasantas, que é a patroa de Cotobade.

"Das moitas experiencias que levo nos meus oito anos como alcalde, este acto é un dos que me fixo sentir máis orgulloso", explicou Cubela, que amosou a súa ledicia por compartir a xornada coa xente maior emigrada do municipio "e por xuntar á nosa veciñanza no exterior, que levaba máis de vinte anos sen reunirse toda, polo que este esforzo pagou moito a pena".

Polo demais, e tras ser recibido polas autoridades locais e manter unha xuntanza de traballo con Henrique Carballal, que é concelleiro na Cámara de Salvador e gran defensor da colectividade galega en Brasil, Cubela vai proseguir no que resta de semana coa súa axenda das Letras Galegas e de atención aos emigrantes.

Así, aínda lle restan senllos encontros coas entidades galegas de Salvador de Bahía, a presentación da bibliografía e das novas edicións dos libros de Antonio Fraguas na universidade bahíana e, finalmente, un acto en torno á súa figura na Sociedad de Caballeros de Santiago e a inauguración dunha exposición sobre o seu legado tamén no Club Español. Todo elo coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.