Luís Bará é un histórico dos gobernos de Miguel Lores en Pontevedra. Nas últimas eleccións municipais non concurríu en postos de saída da candidatura do BNG.

- Despois de formar parte do "núcleo duro" do BNG de Pontevedra desde o primeiro mandato de Lores pasou a pechar a lista. Por que?

- No 2016, no BNG tomouse a decisión de que fose ao Parlamento galego e o traballo alí esixe a máxima dedicación. Máis agora que temos por diante o reto das eleccións de 2020. Ademais, en Pontevedra temos equipo dabondo para asumir responsabilidades no goberno local. Desde logo para min foi unha sorte estar durante vinte anos no Concello, 16 no goberno e 4 na oposición. Evidentemente é unha etapa que nunca vou esquecer.

- Vese de novo nun posto de saída nas listaxes de 2023?

- A miña prioridade neste momento é traballar arreo no equipo de Ana Pontón e no grupo parlamentario, para manter a liña ascendente do BNG e obter os mellores resultados nas eleccións galegas do ano que ven.

- Do seu paso pola política municipal, o Parlamento e a Xunta, con que queda?

- Eu sinto paixón pola política. A local é a que da máis satisfacións porque permite o contacto directo coa xente. A galega permíteche desenvolver actuacións máis transformadoras a nivel xeral e a medio e longo prazo.

- Feira Franca e Salón do Libro, "criaturas" súas no Concello cumpren 20 anos con boa saúde. Tamén iniciou o programa da Memoria Histórica, retirou nomes franquistas das rúas, fixo a Alexandre Bóveda Fillo Adoptivo de Pontevedra? De que iniciativa sinte máis orgullo?

- Síntome orgulloso de xerar procesos colectivos nos que se implicou moita xente. É por iso que se mantiveron no tempo con tanta vitalidade. Está claro que a Feira Franca foi o proxecto de máis éxito social e non hai maior satisfacción para quen ten responsabilidades públicas que ver como a xente é protagonista e goza dunha festa no espazo público.

- Tamén habería algún momento malo nestes vinte anos. Cal lle ven á cabeza?

- Unha das maiores decepcións foi non poder continuar co desenvolvemento de políticas culturais postas en marcha durante o goberno da Xunta, do 2005 ao 2009. Tamén houbo momentos desagradables no paso polo Concello, sobre todo cando recibes críticas a nivel persoal que non teñen xustificación por razóns políticas.

- Na súa última etapa no Concello puxo en marcha o programa A Memoria das Mulleres. Por que?

- Era unha consecuecia lóxica do traballo desenvolvido no ámbito da memoria histórica, porque constatamos a ausencia das mulleres na historia da cidade e a necesidade de combater esta inxustiza.

- Onde se ve dentro de dez anos?

- Militando no nacionalismo galego e nos movementos sociais pola memoria histórica. E con máis tempo para atender unha das miñas grandes vocacións: escribir.