Os membros da Irmandade Xurídica Galega reúnense esta mañá en Pontevedra na sua asamblea anual, que principiou coa descuberta dunha placa conmemorativa dos 30 anos da primeira sentenza en galego. Os recoñecemento sinala aos artífices dese paso adiante, os xuristas da Audiencia de Pontevedra Juan Manuel Alfaya e Xosé Xoán Barreiro, o maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela e o fiscal xubilado Benito Montero Prego.

Éste tomou a palabra en nome dos homenaxeados para agradecer á Irmandade Xurídica, á Deputación e ao Concello este recoñecemento, unha placa que, afirmou, multiplicada por miles habería que levantar ao pobo galego "que creou unha obra de arte extrordinaria, un idioma". Lembrou de seguido a longa historia da nosa lingua, un camiño milenario "no que nós puxemos unha areíña".

Ese primeiro paso adiante ao que seguiron centos de sentenzas en galego nas últimas décadas celebrarono cos xuristas a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o director xeral de Política Lingüística, Valentín García, o concelleiro de Normalización Lingüistica, Alberto Oubiña, integrantes da Irmandade Xurídica Galega e profesionais do Dereito que exercen no país.

O acto celebrouse baixo un intenso sol na zona verde situada nun lateral da Audiencia e foi unha oportunidade para reivindicar unha maior presenza da nosa lingua na xustiza, presenza polo momento residual, como denunciou o abogado Avelino Ochoa, un dos xuristas que tomou a palabra na celebración.

O encontro da Asemblea da Irmandade Xurídica Galega continúa esta mañá cunha asablea que se desenvolve no Pazo Provincial na que se incorporarán os novos membros e o encontró rematará cun xantar nun restaurante de Poio.