-¿Cales foron os principais problemas do bipartito estes últimos 4 anos?

-Un pouco a inacción. Non vin que as cuestións importantes que levaban BNG e PSOE no seu programa se fixese algún esforzo por levalas a cabo. Non son catro anos perdidos, pero si se puido haber aproveitado máis ese mandato..

-¿Como chegou o desencontro co BNG en 2016 e que motivou a súa baixa do partido?

-Foi un proceso longo. Intentei discernir a miña labor na concellería do que eran os procesos internos como organización no que sempre fun máis crítica. Durante os catro anos previos a 2016, din a miña opinión e o traballo a nivel interno non tiña ese resultado e daste conta de que hai espazos nos que si.

-A nivel municipal, o BNG pediulle que deixara a súa acta que, segundo o partido di que o recollen os estatutos. ¿Esperaba que fose cesada do goberno?

-Non percibín reproche. Tiven unha conversa con responsable de organización do BNG, que non é Sobral, e trasladoume a decisión de que tiña que pasar ao grupo mixto e deixar a xestión da concellalía. A acta legalmente é nominal, naquel momento decidín non entregala porque tiña enerxía, animo e disposición de seguir traballando para os veciños e ser útil dende a oposición, considerando que me gañara a acta e me fixo ser máis responsable.

-¿Valorou seguir no goberno local?

-Si, de feito, durante dous meses foi compatible. Ideoloxicamente seguía compartindo as mesmas ideas. Foi decisión do partido, e eu sentíame avalada polo grupo de goberno para continuar, pero foi unha decisión do BNG.

-¿Como afectará ese desencontro de 2016 á hora dun posible pacto?

-A miña saída do BNG e do goberno en 2016 non afectará para un posible pacto, o plano persoal queda de lado. Non hai rencores persoais e por riba ten que estar asegurar a gobernabilidade e buscar obxectivos ambiciosos para o Concello e para o futuro de Poio. Votarei a favor de iniciativas que sean boas para os veciños sexa o goberno ou sexa o PP quen as presente.