A Asociación Queremos Galego Marín continua as Xornadas da Ciencia en Galego coa presentación do proxecto Redmeteo, este venres 31 ás 19.30 horas no Museo Manuel Torres.

"Malia que é posíbel saber o tempo que vai ir na nosa terra en galego a través da canle pública de televisión e radio e Meteogalicia, non é tan fácil coñecer as características da nosa climatoloxía, os fenómenos meteorolóxicos que se producen", explica Queremos Galego.

Redmeteo é o proxecto persoal de David Domínguez Gómez, un afeccionado á meteoroloxía e colaborador pluviométrico de Aemet que describe en galego desde Campo Lameiro as predicións meteorolóxicas, fenómenos como o nordés ou o efecto Rías Baixas, publica fotos de fenómenos meteorolóxicos, etc.