A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) vén de aconsellar no seu aviso fitosanitario deste venres a renovación do tratamento das viñas fronte ao mildio, aproveitando para engadir tamén na aplicación un funxicida contra o oídio dadas as condicións favorables para a infección. Por outra banda, o persoal técnico subliña que na última semana se produciu un crecemento significativo dos gromos fronte a anterior e que, en canto aos acios, hai diversidade de estados incluso na mesma viña, con plantas con acios ou botóns xa separados, outras con grans formados e outras en flor.

A técnica Rosa Pérez lembra que a información aportada nos avisos fitosanitarios semanais baséase no observado nas parcelas de seguimento, noutras dos percorridos e tamén nos datos que aporta outro persoal técnico e viticultor, e subliña que sempre convén confirmar a situación particular de cada finca xa que pode haber diferencias mesmo locais. "A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación que axude a unha mellor xestión dos cultivos", afirma.

Pérez destaca que a última semana comezaron a aparecer timidamente manchas de Mildeu en novos crecementos sen protexer ou con tratamentos mal aplicados sobre as viñas, o que tornou nunha maior presenza dos síntomas polas condicións climatolóxicas en diferentes zonas da provincia. Debido a isto, se aínda non se renovou o tratamento aconséllase facelo o antes posible. Por outra banda, dado que a floración é un período no que convén protexer a viña fronte ao Oídio e houbo condicións moi favorables á infección, tamén é axeitado engadir xa un funxicida antioídio aos tratamentos previstos para o Mildio.

Convén tamén comezar a estar alerta pola botrite, seguir a vixilancia do black rot e dos ácaros, lembrando que non se deben tratar con acaricidas a menos que se confirme a súa presencia, coa finalidade de conservar as poboacións de ácaros fitoseidos, reguladores naturais dos ácaros praga.