Ao edafólogo Francisco Díaz-Fierros correspondeu analisar as aportacións de Fraguas como xeógrafo. Foi, explicou, un home que soubo que "a paisaxe tamén se aprecia cos sons do campo ou dos recendos da terra mollada... A comunión coa natureza debe de realizarse con todos os sentidos... Pero se algo distingue as descripcións dos vales e ribeiras son as ilustracións literarias que recolle do cancioneiro popular ou dos poetas máis intimamente identificados co mundo campesiño, como Noriega". Tamén incidíu en que o homenaxeado "nega con rotundidade Galicia sexa representada só por esa tonalidade verde que os incipientes axentes turísticos da época tentaban difundir".