Venda de libros, simutáneas de xadrez, teatro, concertos, alfombrado floral en homenaxe a Antonio Fraguas e tamén reivindicación. No 17 de Maio houbo espacio para numerosas actividades relacionadas co galego e tamén para denunciar que existen "límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade".

Foi na concentración convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego, que convocou a centos de persoas na praza da Peregrina baixo o lema Máis que nunca, queremos galego. Os seus voceiros indicaron que "a situación do galego é crítica, mais pode mellorar".

O 22,7% dos rapaces de 4 a 15 anos non saben falar a nosa lingua, criticaron antes de acusar ao goberno galego de actuar en contra do idioma en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza e os medios de comunicación. Consideran que "hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego", citando como exemplo a recente sentenza do Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo.

Javier Balea, divulgador e creador de "Moléculas en galego", leu o manifesto no que se institiu en que a situación do galego non é irreversíbel, "pódese modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza".

A uns metros da Peregrina, nos Soportais da Ferraría, dez librarías instalaron postos nos que firmaron libros Ledicia Costas, Arantza Portabales, Pedro Feijoo e Iria Collazo.

Pola súa banda, no entorno da basílica de Santa María o protagonista foi o xadrez. Nenos e maiores dispuntaron simultáneas e tamén houbo tempo para a poesía recitada.

Xa pola tarde, a Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente acolleu unha representación teatral, a praza do Teucro a Festa da Lingua e a de Curros Enríquez foi escenario do acto popular de homenaxe a Antón Fraguas, que presidiu o alcalde de Pontevedra e despediu a xornada.