Máis de 1.000 alumnos de 18 centros de Pontevedra, pero tamén de outras vilas coma Pontecesures ou Meis, participaron onte na final do Correlingua 2019. A festa foi a derradeira das 12 etapas nas que se dividiu este ano a carreira pola lingua.

Entre os cativos e mozos que tomaron parte na carreira, pequenos de escolas infantís de apenas 3 anos ou usuarios dos centros de Amencer-Aspace de atención a persoas con parálisis cerebral e outros trastornos neuromotores.

O galego é a fórmula foi o lema desta edición, na que se incidiu na necesidade de que os nenos sexan formados en galego, que a nosa lingua esté presente en todas as materias do ensino, inclusive as do ámbito científico.

Organizados por idades, os nenos realizaron un dos dous percorridos e despois celebrouse unha festa na Ferraría. Exerceu de presentador o regueifeiro e zanfonista Luís o Caruncho.

O Correlingua quere promover a reflexión sobre a nosa situación lingüística e a necesidade de defender o galego dende a nenez, contribuindo a manter vivo un dos nosos máis importantes patrimonios, implicando ás novas xeracións no mantemento desta herdanza.

Foi un multitudinario e divertido limiar dos numerosos actos que se celebrarán hoxe en Ponteedra co gallo do Día das Letras, adicado este ano a Antonio Fraguas. Haberá libros, música, contacontos ou xadrez, entre outras actividades.

Dez librarías da cidade promocionarán a lectura en galego nos Soportais da Ferraría. Na avenida de Santa María celebraranse simultáneas de xadrez e a partires das 12 horas A Peregrina acollerá a concentración Máis que nunca, queremos galego.

A praza do Teucro será escenario a partir das 17.390 horas da Festa da Lingua (que se trasladará á Casa Azul no caso de chuvia) e de novo Curros Enrriquez será escenraio do acto oficial de homenaxe. Comezará ás 19.30 horas en Curros Enríquez.