O candidato á Alcaldía Miguel Anxo Fernández Lores participou nun faladoiro con escritores, creadores e promotores culturais vinculados coa cidade de Pontevedra e coa lingua galega coincidindo coa Semana das Letras. O candidato, acompañado pola escritora Ana Cabaleiro e os membros da lista Carmen Fouces, Carme da Silva e Alberto Oubiña, intercambiou opinións e necesidades do mundo cultural na cidade con Tamara Andrés, Montse Fajardo, Pablo Zentolo, Ramón Rozas, Adolfo Caamaño, Xosé Monteagudo, Xesús Constenla, Manuel Lourenzo, Elisabeth Oliveira, Kiko da Silva, Quique Mauricio, Carlos Taboada, Joanna Lorenzo, Francisco Calo Lourido, Buenaventura Aparicio, Xaime Toxo, Rafael Quintía, Xosé Álvarez Castro, Afra Torrado, Ramón Regueira, Henrique Egea e Xosé Ramón Couto.

O candidato explicou que era unha máxima dos seus gobernos "escoitar á xente" e abrir o debate para saber "o que se pode facer" para seguir enriquecendo, neste caso, o eido cultural da cidade. Foron varias as suxestións e propostas que presentaron os participantes no encontro, dende a creación dunha plataforma que permita coordinar a ampla axenda cultural da que dispón a cidade e así pór "sobreaviso" aos promotores das diversas actividades que se organizan cada día na cidade e que non coincidan, até unha publicación periódica.