A coordinadora comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega Terras do Umia na que están incluídos centros educativos dos concellos de Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas celebra mañá a X Festa da Lingua no recinto da Tafona en Caldas entre as 11.00 e as 13.00 horas.

O evento inclúe os premios dos festivais de microcreación e microtextos (microrrelatos e micropoemas), as actuacións en directo do Sondoumia (grupos musicais de diversos centros que compiten por un premio en Primaria e outro en Secundaria), o Contaumia (monologuistas e contacontos que compiten tamén nas modalidades de Primaria e Secundaria) e o premio Lingumia que se outorga a alguén dun sector que traballa tendo en conta a visibilidade social da lingua galega e que este ano se corresponderá co mundo da gastronomía.

Tamén se proxectarán vídeos: un Lip Dub sobre Antón Fraguas, proxeccións audiovisuais do xurado que se encargou ou encargará de outorgar os premios nos diferentes concursos ou o vídeo gañador da microcreación.

Este ano a Festa da Lingua presenta como novidade a ubicación en exteriores ya que tradicionalmente realizábase no auditorio da azucreira de Portas, o que permitirá ampliar o número de asistentes.