En Marea traballará para impulsar o desenvolvemento de leis trans e LGTBIQ e para rematar coas problemáticas que afectan a este colectivo.

O voceiro Luís Villares e as candidatas Iris Malvido e Jorge Lorenzo mantiveron un encontro en Pontevedra con representantes deste colectivo para recoller as súas aportacións e presentar as propostas de En Marea, como explicou Malvido.

"No ano 2014 a lei LGTBI aprobada en Galicia foi unha oportunidade de recoñecer dereitos a toda a comunidade. Lamentablemente o balance é moi pobre. Quedou por desenvolver praticamente todo o contido da lei", denuncia Villares. Que lembrou que aínda segue pendente de desenvolver un protocolo específico contra o bullyng no ámbito escolar, "o que dá lugar a unha incapacidade dos centros escolares á hora de abordar e solucionar os problemas".

Entre as medidas propostas por En Marea figura tamén a creación de unidades sanitarias capaces de atender aos menores trans, que se atopan cun sistema que non está preparado para facelo. "O Sergas debe asumir de forma inmediata o cambio de sexo como unha operación incluída dentro do catálogo de prestacións sanitarias, e sen burocracia", reivindica o voceiro.

"Precisamos apostar por campañas de concienciación social". Esta foi outra das demandas feitas por Luís Villares. "As administracións teñen que adoptar unha posición activa e favorecer a visibilización, porque moitas veces o rexeitamento ten que ver co descoñecemento", asegurou o voceiro. Que tamén propuxo a aprobación de normas que recollan a non discriminación específica contra o colectivo LGTBI. "Existe a prohibición contra a discriminación por sexo e hai que abordar esta nova dimensión que ata agora estivo oculta", incidiu o voceiro de En Marea.