Nesta semana de conmemoración do Día do Libro, o Colectivo Feminista Zeivas reúne o seu club de lectura arredor da obra titulada "Como ser muller", de Caitlin Moran, traducida ao galego por Moisés Barcia e publicada por Rinoceronte Editora, da que é fundador. O encontro, aberto ao público, celebrarase este venres 26 de abril ás 20.30 horas no Espazo Lector Nobel de Marín e contará coa participación de Moisés Barcia, entrevistado pola xornalista Tensi Gesteira, promotora do blog literario Lecturafilia.

Precisamente, Tensi Gesteira tense referido a esta obra como "outra forma de ver o feminismo, dende o humor". As reflexións da autora están "ateigados de sarcasmo e moita retranca", ten afirmado esta crítica literaria, que tamén destaca a capacidade do libro de "achegar o feminismo á xente de a pé, fuxindo das correntes máis academicistas". Así, na súa conversa co tradutor e editor de "Como ser muller", abordaranse aspectos que teñen que ver co presente do movemento feminista: coa evolución nos dereitos acadados polas mulleres, mais tamén expoñendo cuestións de actualidade dende un punto de vista máis cotiá. "Caitlin Moran aborda con intelixencia, sen tabús e cun gran sentido do humor o día a día na vida das mulleres, como feminista e filla dunha familia numerosa e proletaria", salientan dende a editorial.