Os alumnos do IES Antonio Fraguas, emprazado no barrio compostelán de Fontiñas, están a visitar na xornada de hoxe o municipio de Cerdedo-Cotobade no marco da programación das Letras Galegas 2019, adicadas ao escritor e etnógrafo de Loureiro, e da colaboración establecida entre o Concello e este centro educativo, que leva o nome do Fillo Predilecto destas terras dende hai 25 anos.

O amplo grupo de estudantes, que van pasar toda a xornada na zona para coñecela e afondar na figura de Fraguas dende a perspectiva da súa terra natal, foron recibidos a primeira hora da mañá polo presidente municipal, Jorge Cubela, no salón de usos múltiples. Durante a súa intervención, o rexedor explicoulles a importancia de Fraguas para o concello, doulles algúns apuntamentos da súa vida nesta zona e enumeroulles a ampla programación municipal con motivo das Letras Galegas 2019.

Ademais, agasallóuselles cun exemplar -da versión reducida- do libro "Terras de Cotobade", escrito por Xosé Fortes, para que coñezan un pouco máis a historia do concello e animóuselles a gozar da xornada descubrindo as moitas belezas do municipio. O director do instituto compostelán, Carlos Encisa, que encabeza a excursión, agradeceu a recepción e o detalle en nome da comunidade educativa.

Cómpre sinalar que o IES Antonio Fraguas devolve deste xeito a visita apenas un día despois, xa que na xornada de onte Jorge Cubela estivo representando ao municipio na plantación dun carballo de Cotobade, con terra da finca da casa natal de Fraguas, na zona frontal do centro en Santiago no marco dos actos de homenaxe que organizou o instituto polas Letras Galegas 2019.

Polo demais, esta visita dá continuidade á ampla programación municipal do Ano Fraguas, que arrancou a comezos de xaneiro co descubrimento dunha placa na súa vivenda natal de Loureiro e que xa acolleu presentacións de libros, actos diversos de difusión da súa figura e, o pasado sábado, unha excursión da veciñanza a Santiago para coñecer o Museo do Pobo Galego -o gran proxecto vital de Fraguas- e facer unha ofrenda floral na súa memoria.