O vindeiro xoves, a partir das 11 horas no Auditorio Emilia Pardo Bazán, terá lugar o I Certame de Regueifas Concello de Sanxenxo, organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do IES Sanxenxo en colaboración cos equipos de Dinamización Lingüística do instituto Vilalonga e colexio Abrente.

Poesía

A idea é achegar a poesía, a regueifa e a improvisación dun xeito lúdico ao alumnado dos centros de secundaria do municipio de Sanxenxo coa finalidade de fomentar a oralidade, a creación artística, eliminar prexuízos lingüísticos e recuperar a regueifa como unha tradición propia e un medio de achegamento de aprendizaxe da poesía.

Previamente desenvolvéronse nos diferentes centros dúas xornadas de obradoiros para ensinar ao alumnado a técnica necesaria para a composición das regueifas e o uso da improvisación.

Cultura popular

O encontro do xoves serve para, dentro dunha xornada de intercambio, pór en práctica todo o aprendido e poñer en valor a nosa cultura popular.

Este debandito proxecto de regueifas conta co apoio e patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.