Os alumnos/as de 4º da ESO do colexio Sagrado Corazón de Placeres e os de primeiro da ESO do colexio Abrente resultaron hoxe gañadores dunha das modalidades do Rally Científico Matemático.

En segundo da ESO gañou o IES Rosalía de Castro de Santiago, e en terceiro o IES Laura Olmo do Barco de Valdeorras.

En cuarto da ESO había dúas modalidades, a de matemáticas (común ao resto dos niveis) e a de ciencias. Na de matemáticas, o vencedor foi o referido colexio Sagrado Corazón de Placeres de Pontevedra, mentras que na categoría de ciencias impúxose o Colexio As Acacias de Vigo.

Os cinco equipos gañadores asistirán en maio á final internacional de Toulouse, cuxo Rallye mathématique sans frontières ten máis de 25 anos de existencia "e onde os estudantes galegos adoitan obter excelentes resultados", suliñan os voceiros da Consellería de Cultura.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou no mediodía deste venres, na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na entrega dos premios da final galega da sétima edición do Rally Científico Matemátikco, que organiza a Institución Galega de Ciencia, Igaciencia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Amosou a súa satisfacción pola "masiva participación do alumnado galego nesta proba científica e matemática que se celebra en galego, o que é unha mostra de que a formación en lingua adquirida polos nosos estudantes en colexios e institutos os capacita e fai sentir seguros para usar este idioma en calquera ámbito do coñecemento".

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron no acto de entrega dos premios Pedro Rodríguez Dafonte, vicedecano da Facultade de Química; Manuel Díaz Regueiro, presidente de Igaciencia, e Inés Ben González, secretaria da mesma institución.