A Libraría Paz de Pontevedra será escenario mañá, venres día 29, da presentación de No camiño do vento, o libro de textos e poemas co que a familia e amigos de Sesé Mateo queren recordala no segundo aniversario do seu asasinato por violencia machista. O acto principiará ás 20 horas e intervirán o fillo da autora, Joshua Alonso, e mais a responsable da edición literaria dos textos de Sesé, Miriam Ferradáns.

María José Mateo García, Sesé Mateo, activista social e poetisa, militou en distintos movementos sociais e sindicais (a central CIG, a Coordinadora Feminista Donicela, promoveu a exhumación da fosa común na que, entre outros represaliados estaba seu abó...) ata que foi asasinada por violencia machista o 20 de febreiro de 2017, en Redondela.

Dende a libraría Paz lembran que "a súa familia, as súas amizades e as compañeiras de traballo e de loita resístense a perdela e, por iso, editaron neste volume algúns dos seus textos e poemas elaborados ao longo dunha vida de amor e solidaridade. Unha merecida homenaxe para unha muller sensible e loitadora. Unha oportunidade social e colaborativa de mellorarmos, entre todos, un pouquiño, o mundo que habitamos".

Na presentación poderase mercar o libro, cun prezo de 10 euros que se doarán á Fundación Mujeres, para axudar a nenos e nenas orfos pola violencia machista a través do Fondo de Becas Soledad Cazorla Prieto.

A piques está de estouparun corazóncomo un cristal vivinteno lume da conciencia