Aprender a preparar unha deliciosa feijoada brasileira mentras se escoitan contos e lendas do país carioca. Ou participar nunha masterclass de ilustración con Roger Mello, autor galardoado co Premio Andersen. Ou coñecer as últimas propostas da banda deseñada galega na presentación de A viñeta de Schrödinger. Trátase dalgunhas das actividades coas que comezou onte o Salón do Libro, adicado neste 2019 á lusofonía.

Unha delegación de autores de distintos países lusófonos, así como Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e escritor homenaxeado nesta edición do Salon, acompañaron onte ó alcalde, Miguel Fernández Lores, e á concelleira de Cultura, Carme Fouces, no espectáculo inaugural, no que tivo especial protagonismo a música e que conxugou artes coma a performance ou os relatos.

O coro do IES A Xunqueira 1, o Quinteto de Metais do Conservatorio Manuel Quiroga, Nee Barros, Pavís Pavós e Raquel Queixas, dirixidos por Marcelo DoBode, colaboraron nesta proposta coral titulada P aseniño, paseniño: 20 anos de revolución que tivo lugar no autorio do Pazo. Serviu de benvida aos numerosos menos que, acompañados de seus país e abós, se achegaron para inaugurar o Salón.

Carme Fouces deu a benvida ós asistentes e lembrou a vocación do Salón de ser unha fiestra ao mundo, "un punto de encontro de linguas, culturas e literaturas. Nesta XX edición non só convidamos a un país, senón a unha lingua, a portuguesa, á que queremos reinvindicar e visibilizar. Lingua irmá, cómpre cruzar pontes e atravesar océanos para falarnos e amosar o que nos une, e en tempos duros para os idiomas como o noso, amosar ás crianzas que co galego podemos percorrer o mundo e comunicarnos con máis de 250 millóns de persoas no planeta".

O alcalde coinidiu con Borges en que as cidades son libros que se len cos pés "e temos o orgullo de afirmar que a nosa lese con pés de neno e de nena. Celebremos estes 20 anos e que veñan 20 máis!".

Pola súa banda, Antonio García Teijeiro fixo extensiva a homenaxe que lle tributa o Salón á literatura infantil e xuvenil escrita en galego e nomeadamente á poesía, "que ten un poder transformador nos nenos cando alguén lla achega. A poesía é revolución e grazas a ela son o que son", afirmou.

Cando rematou o espectáculo ducias de pequenos agardan impacientes para saudar a Orbil, a mascota do Salón, e pasar a ver as exposicións espalladas polo Pazo, á cabeza os traballos dos 60 centros de Educación Infantil, Primaria, Secunaria e Bacharelato de toda Galiza. Ó longo do curso os alumnos fixeron pinturas, ilustracións, vídeos, instalacións, maquetas, libros ou podcast, sempre inspirados na revolución, o tema do Salón.

Noutra mostra os poemas de Antonio García Teijeiro dialogan coas ilustracións de Marcos Viso e a uns metros a estoniana Tiiu Kitsit, gañadora do Concurso Internacional de Ilustración convocado para ilustrar esta edición, fai a súa interpretación da revolución cos doce finalistas do certame.

Tamén está a delicadeza e a forza de Roger Mello para narrar a dura realidade cotiá dos carvoerinhos, os nenos que traballan nas minas de carbón en Brasil, e no Recinto Feiral despleganse dende unha bebeteca ó Clube Mediterráneo, baseada na obra do mesmo título, unha revolucionaria instalación que trata sobre o drama dos refuxiados que arriscan a vida no mar para fuxir da guerra e da fame.

Seguirán agora 300 actividades espalladas por distintos puntos da cidade. No Pazo haberá durante todo o día de hoxe propostas de teatro, música, contacontos, obradoiros (por exemplo de cociña lusófona, ou da relación dos humanos coas máquinas) e tamén a estrea ás 19 horas de Mai Mai. Trátase da nova proposta para o público familiar de Baobab Teatro, pero tamén haberá a alternativas para bebés Comenoites con pases ás 12, 17 e 18.30 horas ou o espectáculo de balde Canta música de Pablo Diaz. En adiante, 21 dias para festexar que somos lectores, debuxantes, melómanos, cociñeiros...