A Biblioteca Pública acolle dende onte a exposición Os obxectivos de desenvolvemento sostible, composta por 17 láminas (unha por cada unha das metas fixadas pola ONU para erradicar a miseria no planeta no 2030) asinadas por 15 debuxantes de Galicia e países africanos da Lusofonía.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, acompañada da secretaria do Fondo Galego, Andrea María García Corzo, e da directora da Biblioteca, Alejandra Mosquera Souto, inaugurou a mostra, que busca innovar no seu formato ao montar as ilustracións sobre caixas de cartón.

As láminas (entre elas a obra do debuxante e colaborador de FARO Luis Davila) sinalan obxectivos para garantir o benestar. Entre eles están a igualdade, o crecemento económico sostido e sostible, o acceso a unha enerxía alcanzable e segura, ou as metas de promover o uso sustentable dos ecosistemas terrestres e as sociedades pacíficas.

A mostra, e a chegada dos primeiros representantes das culturas da Lusofonía ás que se adica este ano o Salón, foron onte o prólogo deste evento cultural, anticipos que seguirán hoxe coa posta en marcha no Edificio Sarmiento da mostra MOTIM. Movimento de Ilustraçâo Portuguesa.

A apertura desta exposición realizada a partir da obra de 35 creadores plásticos do país veciño, prevista para as 12 horas, completarase cunha visita guiada.

Ás 18 horas principará o roteiro familiar Unha cidade de conto para visitar as librarías da cidade, enfiando contos, xogos e probas de enxeño. Conta con prazas limitadas con inscripción previa en turinapontevedra@gmial.com.turinapontevedra@gmial.com

Unha hora máis tarde celebrarse un segundo roteiro, nesta ocasión pola mostra de ilustradores lusos que se presenta no Sarmiento.

E tras destes limiares, o Salón do Libro 2019 principará mañá ás 12 horas no Pazo, a súa sede principal, cun espectáculo que fundirá performance, música e contos.