O Colectivo Máis Cantos e o Concello recuperaron a tradicional festa das cantadas e serenatas na "Tarde dos Pepes e das Pepitas" en Marín, realizando un roteiro cantado polas prazas, portas e rúas onde a voz e o canto tradicional, popular e de taberna centraron un repertorio no que as cantigas de Marín foron as protagonistas.

Ás sete da tarde a Festa Máis Cantos púxose en marcha polas rúas e prazas de Marín cun roteiro de cantadas e serenatas da man das cen gorxas do colectivo Mais Cantos de Marín, Lourido e Pontevedra.

Xa fun a Marín, Vivir en Marín, Marín del Alma, De Marín a Portonovo ou como non, O Rodaballo, foron algunhas das pezas centrais desta serenata onde non faltaron as cantigas máis emblemáticas do repertorio tabernario, guiadas polo mestre de canto e showman Nelson Quinteiro, o acordeonista David Álvarez Caneda, o gaiteiro Iago Prieto e moitos músicos máis.

Vestidos de branco e portando ramallos e frores brancas, os organizadores convidaron previamente a todo aquel que quixo acudir a cantar con eles e "armar festa".

Máis Cantos é unha proposta que ofrece unha nova forma de desfrutar dos cantos tradicionais, populares e de taberna e de reivindicar a língua e a cultura popular galega.

"A Experiencia Máis Cantos non somos un coro, nen unha comparsa, nen un orfeón, nen ofrecemos un concerto", explican os organizadores.

Simplemente convidan á cidadanía a "vivir unha experiencia de vibración conxunta", para ofrecerlles un espectáculo ao vivo "que podríamos encadrar como performance popular ou concerto didáctico". O obxectivo "era armar unha boa festa, e vaia se o conseguimos!", engaden.