O Colectivo Mais Cantos e o Concello recuperan a tradicional festa das cantadas e serenatas na "Tarde dos Pepes e das Pepitas" en Marín ofrecendo un roteiro cantado polas prazas, portas e rúas onde a voz e o canto tradicional, popular e de taberna centrarán un repertorio no que as cantigas de Marín serán as protagonistas.

O vindeiro 19 de marzo, ademais de cadrar en festivo é o día escollido para que dende as sete da tarde a Festa Mais Cantos se poña en marcha polas rúas e prazas de Marín cun roteiro de cantadas e serenatas da man das cen gorxas do colectivo Mais Cantos de Marín, Lourido e Pontevedra.

Xa fun a Marín, Vivir en Marín, Marín del Alma, De Marín a Portonovo ou como non, O Rodaballo, serán algunhas das pezas centrais desta serenata onde non faltarán as cantigas máis emblemáticas do repertorio tabernario, guiadas polo mestre de canto e showman Nelson Quinteiro, o acordeonista David Álvarez Caneda, o gaiteiro Iago Prieto e moitos músicos máis.

Vestidos de branco e portando ramallos e frores brancas, os organizadores convidan a todo aquel que queira vir cantar con nós e "armar festa". Mais Cantos é unha proposta que ofrece unha nova forma de desfrutar dos cantos tradicionais, populares e de taberna e de reivindicar a nosa lingua e cultura popular.