Este ano a asociación emprendeu a búsqueda dos propietarios das fincas de todo o entorno do Cruceiro das Torres para unilos baixo unha única bandeira, a da deseucaliptización?.Un traballo de investigación en busca dos propietarios e un traballo social, no que conectar coa xente. Propietarios anciáns que o seu estado de saúde non lle permite acudir as súas fincas, persoas que fan a súa vida nas grandes cidades, parcelas duns centos de metros cadrados que pertencen a varios propietarios, parcelas que están a nome de propietarios finados, etc... A proposta de A Rente do Chan consistiu en mediar cun madereiro? interesado na compra do eucalipto e reinvertir na restauración da finca xestionada a través da asociación. A búsqueda dun madereiro que aceptase a corta foi outro frente aberto. Xa que moitas veces non somos conscientes de ata que punto lle compensa a un madereiro invertir tempo e cartos en zonas de difícil acceso a cambio de madeira que na súa maioría é miuda e está queimada, destinada a leña para o consumo doméstico. Nalgúns casos foron os propios propietarios que, ainda adheridos ao proxecto, preferiron buscar por eles mesmos un mellor comprador. O balance xeral dos acordos cos propietarios foi positivo. Unha veintena de propietarios conscientes do problema uníuse á iniciativa formando un núcleo sólido de máis de duas hectáreas no que xa está en marcha a restauración ambiental do entorno do Cruceiro das Torres. Unha pequena iniciativa cidadá nun pequeno lugar do concello de Ponte Caldelas, unhas migallas no mapa galego, o xerme dun cambio de conciencia social e un exemplo a seguir.