A sindicalista Lola Ramos recolleu onte en Pontevedra o Premio 8 de Marzo da central UXT pola súa incansable "acción solidaria e de defensa dos compañeiros" no conflito pola supervivencia da fábrica Clesa de Caldas de Reis. Constancia, anteposición dos intereses colectivos aos propios, entereza e fidelidade aos principios definen, segundo os seus compañeiros, a esta traballadora que anima ás máis novas a non dar nada por feito e loitar pola igualdade real.

- Como principiou a súa carreira laboral?

-Empezou entrando a traballar en Clesa, foi o meu primeiro traballo cando so tiña 21 anos.

- Como era o seu traballo?

-Entrei a traballar substituíndo a unha compañeira por unha baixa maternal e logo xa me quedei fixa. E en adiante foi unha traxectoria normal, moi estable ata chegar á fase Ruiz Mateos, que nos atopamos cuns impresentables e tocoume vivir de presidenta do comité toda esa fase,

- ¿Foi moi duro?

-Moito, moi duro.

- Que recorda do conflito?

-Recordo o conflito de Clesa como algo entre tristeza e alegría, realmente conseguiuse a fin que buscabamos pero a dureza humana foi forte, unha ruptura humana que foi forte e me afectou persoalmente, de xeito que se mezclan as dúas partes.

- Como se resolveu finalmente?

-A empresa entrou en concurso, era un grupo nacional. A parte de Galicia comprouna un grupo de cooperativas galegas, que aportaron o capital co apoio da consellería. Naquel momento o conselleiro era Javier Guerra, que mostrou un apoio total e abstoluto a este tema, foi unha parte moi importante porque se implicou de xeito persoal e foi moi fácil traballar con él. E finalmente chegouse á compra.

- Como é hoxe a empresa?

-Seguimos sendo capital galego, unha empresa totalmente galega, e fabricando iogur, que era o produto que faltaba por fabricar en Galicia.

- Leva 36 anos na empresa. Cambiou moito o mundo laboral dende que comezou a traballar?

-Moito, cambiou moito, fumos vendo o avance. Clesa realmente sempre foi unha empresa (antes da fase da que falabamos, e agora volve a selo) moi estable, cuns contratos sempre moi saneados, o cal non foi moi complicado ata chegar a ese momento no que sí que foi moi duro.

- Recolle un premio que leva o nome do 8-M. Se o mundo laboral cambiou nestes anos moito máis o escenario para a muller?

-O avance véxoo máis incluso fóra do mundo laboral, porque realmente eu neste momento non sinto que poda atopar esa diferenza tan grande, pero os avances nótalos moito, en 36 anos que traballo avanzamos moito, aínda que nos queda moito, moito camino por recorrer.

- Que recomendación daría ás rapazas novas que se incorporan ou que agardan sumarse en breve ao mercado laboral?

-Que consigan incorporarse de principio e que loiten polos seus dereitos, que loiten polos dereitos de natalidade, o que non podemos é deixar que nos utilicen como unha fase da vida para ter fillos, coidar casas? Eso xa pasou á historia, e vemos que ven aí unha xente que quere volver atrás a historia, pois eu dígolle ás rapazas novas que loiten porque non volva atrás a historia e polos seus dereitos, eses que otras mulleres conseguiron ata aquí.