20 de febrero de 2019
20.02.2019
Faro de Vigo

Música reivindicativa no Día de Rosalía

A banda da Loba e Ugia Pedreira actúan o día 24 no Sexto Edificio do Museo

20.02.2019 | 02:18
Integrantes do grupo musical A banda da Loba. // FdV

O Concello de Pontevedra organiza o vindeiro domingo 24 de febreiro a celebración do Día de Rosalía baixo o lema "Cantare, galegas!". O acto terá lugar no Sexto Edificio do Museo ás 12.00 horas.

O fío condutor da celebración será o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que escribiu a xornalista e poeta Ana Romaní. No texto invócase o compromiso social da obra rosaliana, a denuncia das inxustizas, a identificación co idioma e con Galiza, a defensa das clases populares e a loita contra o machismo.

E nesta liña reivindicativa, trae a actualidade os textos de Rosalía para combater as discriminacións e a violencia que sofren as mulleres.

No acto actuarán a cantautora Ugia Pedreira, que fará unha performance titulada "Rosalía, o ramallo da Pedreira" a partir de textos rosalianos, e o grupo musical A banda da loba.

A banda da Loba é un grupo musical integrado por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra.

Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk... e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical.

Desde decembro de 2017 están a presentar o seu primeiro traballo discográfico, "Bailando as rúas" (2017), no que contaron coa produción musical de Adrián Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras. Tras o grande éxito acadado e despois dunha xira de máis de cincuenta concertos nun ano, afrontan a recta final de presentacións mentres preparan o seu segundo disco, que sairá á rúa en decembro de 2019.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


FaroEduca