A Asociación Folclórica Pousos da Area convocou a sexta edición do Serán Pousos da Area, que se celebrará o vindeiro sábado 26 de xaneiro no local multiusos do Mercado de Abastos en Marín. Este evento contémplase dentro dun dos principais obxectivos da asociación, como é a creación de proxectos encamiñados á difusión das nosas tradicións, tanto en espectáculos como na rúa.

En 2014 comezou esta liña de recuperación dos seráns tradicionais en Marín con Pousos da Area. Este tipo de reunión de carácter festivo celebrábanse nas aldeas de Pontevedra e Ourense ó caer o día e sospéitase que tamén se celebraban nas parroquias do interior de Marín.

Os seráns constituían o punto de encontro dos veciños dunha aldea para a diversión despois dos duros traballos do día. Xuntábanse mozas e mozos para bailar e cantar coa intención de coñecerse e pasar un bo rato todos xuntos. Normalmente, acudía tamén a xente maior da aldea para "vixiar" ós mozos e, a maior parte das veces, eran as encargadas de cantar e tocar.

En Marín, a tradición dos seráns perdeuse hai máis de cen anos e non se atoparon testemuños escritos da súa clara existencia, aínda que deberon de existir nas aldeas do interior do concello, xa que hai xente que recorda que seus pais ou avós falaran sobre este tipo de reunións. En cambio, nas aldeas do interior da provincia de Pontevedra, esta tradición conservouse até mediados do século pasado. Aínda hai xente que recorda ir ós seráns sendo mozos e constitúen a mellor referencia para saber como eran en orixe estas festas.

Nesta edición, contarase cunha mostra de artesanía a partires das 18.00 horas que contará con variedade de productos elaborados de forma manual. A continuación, ás 19.00 horas comezarán xogos tradicionais para xente de tódalas idades e con xogos tanto bailados coma de movemento ou de habilidade.

Ás 21.00 producirase na Alameda Rosalía de Castro a denominada "Chamada ó Serán" que tradicionalmente se facía nas encrucilladas dos camiños das aldeas para avisar ós veciños da celebración do serán. A modo de reprodución, cantarase o "Canto de chamada ó Serán", convidando á xente á asistencia ó mesmo. Ás 21.30 comeza o Serán propiamente dito, no que diferentes grupos chegados de varios puntos da provincia tocarán pezas tradicionais para animar ós bailadores e asistentes ó evento. Ofrecerase chocolate con rosca ós asistentes e xa pola noite farase unha queimada co tradicional conxuro.