Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra durante os últimos 32 anos, pechou o pasado mes de novembro un dos períodos máis importantes da súa vida e tamén da historia da cidade. Coa súa xubilación a institución provincial quedou orfa, sen director, aínda a día de hoxe. Non era este o seu desexo, xa que solicitou á Deputación de Pontevedra poder continuar máis alá dos 65 anos. A resposta foi negativa, sorprendendo tanto a Valle coma a todo o entorno do Museo, incluido o equipo técnico. O doutor en Historia da Arte, e responsable dun extraordinario crecemento da institución nas últimas décadas, accede a conceder entrevistas superada a emoción das primeiras semanas.

-Faríanlle motas veces esta pregunta nos últimos meses: está molesto por se ter xubilado?

-Ese é un dato obxectivo. Cúmprense anos e punto. Non estou molesto por terme xubilado. Todo o contrario, estou moi satisfeito de poder chegar aos 65 anos con boas condicións físicas e mentais, porque cantas persoas quedan polo camiño?

-Pero si que solicitou seguir á fronte do Museo de Pontevedra...

-Eu fixen uso dunha posibilidade contemplada na normativa vixente. O que eu censuro e censurarei son as formas. Se cos criterios que utilizan era "non" por que non mo dixeron no primeiro momento? por que agardaron ao derradeiro día no que mo podían transmitir?

-Cando o pediu?

-Pedino o 6 de agosto porque cumpría os 65 anos o 25 de novembro. Hai un prazo: non máis de catro meses previos e non menos de tres. Eu descoñecía esa norma. Tardaron tanto en comunicarme esa negativa que eu estaba totalmente convencido de que ía continuar. Comunicáronmo o 30 de outubro.

-De que xeito? Por escrito?

-Entregáronme esa comunicación na man.

-Quen?

-O deputado responsable de Recursos Humanos da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, exquisito no seu trato.

-Había boa relación co actual goberno da Deputación?

-Si. Pero insisto: non teño nada que obxectar pola cuestión da xubilación, senón polas formas.

-Como lle gustaría que tivera sido esa notificación?

-Non digo á volta de correo, pero si nos primeiros días, non que agotasen o prazo.

-Creáronlle falsas expectativas?

-Creáronme esas expectativas porque se practicamente en tres meses non me din nada, o normal é que eu, e tamén o entorno familiar e profesional, tivesemos a convicción de que ante ese silencio a resposta fose positiva. Craso erro. O shock foi maior.

-Cal foi o sentimento: rabia, tristura...?

-Sentín decepción, porque ese retraso levoume a min a pensar que os meus argumentos se terían en conta.

-Cales eran?

-Tratar de encauzar a intervención dos edificios centrais, moi complicada polas particularidades físicas e a necesidade de plantexar unha intervención axeitada ás esixencias actuais en materia de accesibilidade. Son o berce do Museo.

-A súa marcha foi un tanto precipitada...

-Non a puiden programar. Tiven que liquidar e rematar cuestións no meu despacho, que era máis ca un despacho, era máis ca unha habitación da miña casa. Pasei moitas horas no Museo de Pontevedra. É moi grande e moi diverso, moi complexo de xestión e non se pode dirixir a distancia. Hai que estar alí, por moito que as novas tecnoloxías faciliten.

-Falaron dende a Deputación agora para o seu relevo?

-Non.

-Pero si se dixo que contarían co seu criterio para o proceso...

-Ata o momento en que estamos a facer esta entrevista, non.

-Tendo en conta como entrou vostede no Museo de Pontevedra, da man do anterior director, Xosé Filgueira Valverde, tería sentido que xa houbera un adxunto traballando dende hai tempo con vostede ou que puidese continuar un ano máis acompañado dese futuro director ou directora...

-Pareceríame o máis sensato.

-Pero chegou a plantexalo na súa solicitude?

-Eu céntrome sobre todo en encauzar o traballo neses edificios centrais.

-Por que non mencionou o seu relevo?

-Porque en sentido estrictamente etimolóxico non era pertinente nese documento.

-Que opinión lle merece o proceso de convocatoria a través dun proxecto?

-Non podo falar do que descoñezo por completo. O único que sei é porque o lin na prensa.

-Que debe ter o futuro director ou directora do Museo de Pontevedra?

-É un cargo con moita responsabilidade porque estamos a falar do Museo de Pontevedra. Como agora xa non son o seu director, podo falar coma se fose de Bilbao: é a xoia museística de Galicia e, no seu xénero, seguramente tamén na península ibérica, incluindo Portugal. É un centro de referencia en instalacións, coleccións, investigación, proxección e actividades complementarias.

-Ten na súa mente a alguén idóneo para o seu relevo?

-Si, pero non vou dicir o seu nome porque se o fixera quedaría marcado ou marcada, non para ben, senón para mal.

-Por que para mal?

-Porque se eu sinalo a unha persoa vaise crer que Carlos Valle está aplicando o dedazo. Prefiro non dar nomes e que as cousas caian polo seu propio peso. Hai persoas capacitadas para poder exercer este cargo.

-Persoas de Pontevedra?

-Si, porque cos de Pontevedra empeza a pasarnos coma cos de Bilbao, que poden ter nacido en calquera lugar do mundo.

-Vostede estivo máis de 30 anos como director do Museo...

-E seis como director adxunto. E antes como bolseiro, conservador e alumno colaborador. Máis de medio século.

-Entón, non imaxinará a súa vida sen o Museo de Pontevedra.

-Non a imaxinaba. As circunstancias fan que dende o día 26 de novembro a miña vida xa teña que vivila, experimentala, dun xeito cotiá á marxe do Museo, pero co Museo no pensamento.

-Que pasa agora nun día calquera de Carlos Valle?

-Que pasa? Pois que sigo erguéndome cedo, porque son persoa de madrugar.Estou nunha fase de ordenación de materiais e organización de encargos diversos que tiña aparcados por parte de tempo. Estou facendo tempo para os relatorios e ponencias nos que participei e teño en marcha publicacións e proxectos expositivos. Hai peticións que se me están a formular tanto de fóra da Galicia coma de España.

-Que lle debe a Filgueira Valverde?

-Débolle, por un lado, ter cursado Bacharelato nun instituto modélico, e iso non só llo debo eu. Co paso do tempo daste conta de que eras un privilexiado por recibir clases daquel profesorado. Por outro lado, el foi quen me convidou a incorporarme como alumno colaborador ao Museo.

-Por que se fixou en vostede?

-Non o sei. Pero si que me resultou moi sorprendente que con 18 anos, cando ía comezar terceiro de carreira, o curso de especialidade, o Museo me inscribise para asistir a unha reunión do ICOM (Consejo Internacional de Museos) en Madrid. Anos despois enlacei datos. Eu era un máis dos alumnos colaboradores que entraron nos anos 40, cando se creou esta figura.

-Chegoulle a transmitir o seu orgullo polo seu traballo nos últimos anos da súa vida?

-Iso habería que preguntarllo a el (risos). En todo caso, o que non estaba era descontento. Algunha vez comentou publicamente, e que isto non se malinterprete como pedantería, por favor, que non se podía facer historia ficción pola envergadura do Museo, porque non chegou a coñecer a ampliación do edificio Fernández López nin, por suposto, do Sexto Edificio, que é moi posterior ao seu falecemento. Non só el, a xeración que puxo en marcha o Museo é irrepetible: moito talento. Esa concentración posibilitou o nacemente, entre outras iniciativas, do Museo de Pontevedra. Todos eles se sentirían moi orgullosos de que a semente que plantaron fructificase e convertise ao de Pontevedra no museo provincial máis grande da península ibérica.

-Modestia aparte, non pode negar que baixo a súa dirección o Museo recibiu numerosos recoñecementos...

-Todos os posibles. Pero cando eu recollía eses premios sempre dixen o mesmo: eu son o capitán dunha nave na que hai tripulación. Un museo non se fai só. Un director pode ser un xenio, pero se non ten un equipo, esas xenialidades non se poden materializar.O esencial do equipo técnico do Museo de Pontevedra está formado na casa. Esas persoas, e o digo con satisfacción, son parte da institución. Eu síntome especialmente realizado, é unha das miñas grandes satisfaccións.

-Que queda pendente no Museo de Pontevedra?

-Pensar en seguir crecendo.

-É posible?

-Si. E ademais non só é posible senón necesario.

-Fala dun crecemento físico, de infraestruturas, ou de coleccións?

-Van en paralelo. A grande sorte do Museo de Pontevedra ao longo da súa historia é que o crecemento físico viña xerado, esixido, pola necesidade de dar cabida a fondos que xa posuía ou ía posuír e que había que exhibir. O Museo ten fondos suficientes e opcións en depósito, sobre todo de doazóns importantes, que para poder materializarse os seus propietarios esixen exposición permanente. Se non podes garantila é un absurdo porque é unha tramitación administrativa e traer fondos que non podes amosar e que hai que devolver cando pasen uns anos.

-De que se sinte máis orgulloso Carlos Valle do Museo?

-Do crecemento físico do Museo. Tocoume estar no lugar e momento oportunos para impulsar a ampliación.

-Una ampliación que aínda non deu nome ao Sexto Edificio...

-Eu xa me pronunciei a ese respecto. Non digo nada novo. Hai moitas persoas que poden recibir ese nome. Eu dixen claramente que se de min dependese debería denominarse "Xosé Filgueira Valverde". Foi secretario do Padroado fundacional do Museo e estivo vinculado a el dende o ano 1928 ata o seu falecemento. Se fose por folla de servizos, el sería quen debería dar o seu nome.

-Mañá recibe unha homenaxe da Peña da Boina, que supón para vostede?

-Unha sorpresa, porque un premio e unha homenaxe que recibes a algo ao que non te presentas é dobremente satisfactorio, polo feito en si e porque determinado número de persoas así o considere. Eu son de Pontevedra e son os meus compatriotas os que me valoran. Este tipo de distincións son as que máis me impactan dende o punto de vista emocional, son as que veñen da base. Cando me chamaron para comunicarmo sentinme moi feliz.

-Gustaríalle unha homenaxe dende a Deputación? Comunicáronllo?

-Non sei nada ao respecto. Por parte do Museo si, pero pedinlles tempo porque a ruptura non me facía sentir en condicións. Pero como non hai mal que cen anos dure, animicamente xa estou recuperado.

-Tanto foi así que non quixo conceder entrevistas ata o de agora...

-Seríame difícil falar e poderíame a emoción. Para evitar desaxustes no meu discurso expositivo preferín deixar tempo. Non podo dicir que o Museo non forme parte da miña vida, pero agora empeza a ser parte da miña intrahistoria, parte do meu pasado.