-O seu paso polo Museo tamén lle deixou momentos moi duros, como nos últimos anos do goberno de Rafael Louzán na Deputación, a que se debeu ese empeoramento?

-Non teño resposta. Non é que cale unha resposta. É unha pregunta que me formulei no seu momento e nunca recibín resposta nin insinuación algunha. Todos os anos de Louzán foron anos moi complicados e nos catro derradeiros tiven a sensación de ser perseguido. Todos os meus grandes "erros" foron por ser profesional.Non aspirei a nada máis que a ser profesional, mellor ou peor, pero profesional.Hai cousas que un profesional debe facer e cando ten que dicir "non" debe dicilo. Por ese motivo nunca quixen dar o salto á política. Tiven ofrecementos no local, no provincial, no autonómico, no español e en Europa, e nalgún caso con postos moi relevantes. Pero nin tan sequera o meditaba, porque Carlos Valle o único que quería ser é un profesional. Sentinme satisfeito con ser director do Museo de Pontevedra. Para min era suficiente.

-Foi unha época de exposicións no Museo un tanto cuestionadas...

-Cuestionadas e cuestionables.

-Sobrepasouse unha liña con ese afán de achegar o Museo á xente?

-Claro que se sobrepasou. Non unha, máis! Creo que esa idea é perniciosa. Que é achegar o Museo ao público? De que estamos a falar: dun museo ou dun parque de atraccións? Os museos son museos, o seu contido é o que é. A definición do ICOM (Consejo Internacional de Museos) é moi clara a ese respecto. Hai que ser modernos? A modernidade non implica a estupidez. Moitas veces confundimos modernidade con impertinencia. Non todo é susceptible de ser exhibido nun museo, por moi moderno que este sexa. Este museo foi sempre un modelo de vangarda. Quen pensaba no ano 1941 que os alumnos do Instituto de Pontevedra entraran a colaborar no Museo? A aqueles alumnos que destacan, Filgueira Valverde convidávaos como alumnos colaboradores.