O Boletín Oficial da Provincia publicou onte as bases da convocatoria de axudas para a dinamización lingüística dirixidas aos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. Mediante esta liña, a Deputación volve ofrecer dúas opcións para que os concellos, agrupación de concellos ou entidades locais menores poidan elixir entre a creación ou mantemento do servizo de normalización lingüística, ou a promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do galego.

A Deputación contempla unha partida para estas axudas de 300.000 euros, destinando 150.000 para servizos de normalización e 150.000 para programas de dinamización. O organismo provincial achegará un 75% do orzamento de gastos do servizo de normalización lingüística, ata un máximo de 15.000 euros; mentres que para programas de dinamización do uso do galego achegará ata o 75% dos gastos de ditos programas, ata un máximo de 8.000 euros.

Nesta convocatoria manteranse as novidades introducidas no pasado exercicio, como a obrigatoriedade de aprobar unha ordenanza municipal sobre o uso da lingua polo Pleno da Corporación ou o compromiso da súa aprobación no ano 2019, no caso de optar ao apartado de promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do galego. Tamén se volve esixir que nas solicitudes para promoción de programas de dinamización se achegue unha memoria de todas as actuacións e accións transversais de cada unha das áreas de goberno (a maiores da propia proposta subvencionable). Non serán subvencionables os proxectos cun orzamento inferior a 3.000 euros.

Para a opción de creación e mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística, os concellos poderán contratar o persoal técnico preciso para desenvolver a actividade propia dun servizo lingüístico, para o cal as bases estipulan seguintes titulacións superiores como o grao en Lingua e Literatura Galegas, grao en Estudos de Galego e Español ou o grao en Galego e Portugués, entre outros.