A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) coordinada desde a Xunta celebrou onte en Sanxenxo a súa sétima reunión ordinaria anual, na que participaron, en representación da administración autonómica, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel. En representación das outras entidades que conforman a Área Política do proxecto fixérono alcaldes e outros responsables institucionais.

Na xuntanza, que acolleu o salón de plenos municipal, aprobáronse as novas liñas de traballo para o ano 2019,e a orde do día desta sesión ordinaria anual incluíu a ratificación da solicitude de adhesión das entidades Concello de Oia, Concello de Tomiño, Concello de Salvaterra de Miño, Concello de Beariz, Concello de Sanxenxo e Concello de Baños de Molgas, que xa contaban previamente coa adhesión provisional da xunta directiva da RDL. Con elas, a RDL chega aos seu sétimo ano en funcionamento sumando un total de 193 membros entre os que se atopan a propia Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega, a Fegamp, tres das catro deputacións e varias mancomunidades. Aprobouse tamén a Memoria de actividades do ano 2018, na que se deu conta dun total de 220 accións deseñadas e desenvoltas ao longo deste ano nos concellos, A RDL pechou o ano María Victoria Moreno en Sanxenxo por ser un dos concellos de referencia para a autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018 cun concerto de Nadal a cargo de Rosa Cedrón.