O Concello de Barro conta cunha publicación infantil na que fai un percorrido pola historia universal da humanidade, desde o Paleolítico ata a actualidade, referenciándoa co patrimonio do propio concello. O libro leva por título "O clan de Martiño" e vén de ser editado polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, no marco das iniciativas do Ano da Lingua. Foi presentado onte no Centro Cívico nun acto no que participaron o alcalde da localidade, Xosé Manuel Fernández Abraldes, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e os participantes no libro, Roberto Rivas, que ademais de encargarse do guión é o concelleiro de Cultura de Barro, Iván Bello, autor dos textos, e Ana Seoane, autora das ilustracións.

"Este libro achéganos a historia local dun xeito ameno e pedagóxico" asegurou Xosé Leal durante a súa intervención. O deputado nacionalista incidiu na "filosofía que estamos a seguir desde a Editorial da Deputación para impulsar libros coma este, que rescaten a historia local, a que queda fóra das editoriais comerciais, e que lle ofrezan á cidadanía un fío de conexión coa súa contorna e a súa historia propia e singular, fronte ás tendencias dun mundo globalizado e uniformizado como é o actual".

Nesta idea de poñer en valor e dar a coñecer o local fronte ao globalizado tamén se centrou o rexedor de Barro asegurando que "este libro vainos servir como un primeiro achegamento á historia máis cercana a nós, como un primeiro paso para espertar a curiosidade e seguir afondando despois máis polo miúdo na nosa tradición e no noso patrimonio".

Fernández Abraldes explicou ademais que a idea deste libro foi unha proposta do concelleiro de Cultura de Barro para "tratar de achegar o patrimonio do territorio no que se asenta Barro á cativada dun xeito ameno, entretido e cun certo enfoque pedagóxico". Atendendo a este último punto, está previsto que nas vindeiras semanas se distribúa este libro nos dous centros educativos de Barro, no CEIP Amor Ruibal e no IES de Barro.

"O clan de Martiño" está narrado a través dunha familia, cuxo personaxe principal é un rapaz chamado Martiño, que vai percorrendo o territorio do Concello de Barro a longo de toda a historia da Humanidade, desde o Paleolítico ata que se conforma o actual núcleo administrativo. As aventuras deste clan van, ademais, moi ligadas á construción dos diferentes elementos patrimoniais do concello como son os petróglifos e as mámoas correspondentes á Idade de Bronce, entre os que se anotan o de Perdecanai e A Portela, entre outros. Esta familia pasará a asentarse nun dos castros do concello, concretamente no do monte Güimil en Agudelo, durante a Idade de Ferro e o tío Mamede esculpirá un guerreiro castrexo como ofrenda ao deus da guerra.

Durante a época romana, a familia protagonista dedicarase a comerciar cos romanos aproveitando que por Barro pasa unhas das principais vías de comunicación, a Vía Romana Per Loca Marítima.

O clan de Martiño vivirá tamén as invasións dos pobos europeos, as chamadas invasións bárbaras, e verá xurdir e florecer o Camiño de Santiago como vía de peregrinación.

Coa chegada do pobo de orixe celta-bretón, o propio Martiño emparentará cunha moza procedente deste pobo e especializarase na plantación e produción de viño. A partires de entón vivirán a denominada gran explosión agraria, coa introdución da pataca e do millo procedentes de América, a aparición dos muíños para transformar o cereal en fariña, nomeadamente os da Barosa, o nacemento das casas grandes, e a construción das tres grandes igrexas que hai actualmente no concello.

Por último Mariño tamén verá como nos anos 40 do século XX o núcleo administrativo do concello pasa de Porráns a San Marco, que era onde se celebraba a feira, e onde se construíu o concello e o colexio e se instalaron servizos como o médico ou a farmacia e se foi constituíndo o núcleo urbano actual.