A feira das industrias culturais Culturgal abriu as portas da súa undécima edición no Pazo da Cultura, onde se agardan ata mañán máis de 15.000 visitantes arredor dunha programación que lles ofrece unhas 130 actividades e o percorrido polos 80 stands do seu recinto feiral.

Para o conselleiro de Cultura e Turiso, Román Rodríguez, esta é, ademais, unha gran oportunidade para lle achegar ao público os resultados positivos do traballo compartido entre as distintas administracións e o sector no impulso das industrias culturais galegas.

Así o expresou o conselleiro nun acto no que estivo acompañado por Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación Provincial; o presidente en funcións da Asociación Culturgal, mais os representantes dos cinco colectivos profesionais que lle dan forma a esta entidade, encargada de organización da feira homónima: Asociación Galega de Editoras (AGE), Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet).

Todos eles coincidiron en destacar a importancia de que as administracións traballen conxuntamente para a prol da cultura galega que hoxe representa o 3% do PIB en Galicia e que xenera uns 30.000 postos de traballo.

A esto referiuse o alcalde de Pontevedra, a quen lle parece que as administracións teñen que unirse en prol da cultura para darlle un importante pulo a un sector que ten que ter, segundo dixo, un maior peso na economía galega e converterse nun sector productivo ainda máis destacado.

Román Rodríguez salientou tamén o reforzo e a innovación nesta nova edición do evento, na procura dun público aínda máis amplo ao que lle achegar "a sobresaínte creatividade e a intensa produción das industrias culturais de hoxe". Nas súas palabras, o impulso das nosas industrias culturais é precisamente un dos obxectivos irrenunciables da política cultural da Xunta no sentido de "compartir, difundir e dotar de visibilidade a cultura galega, mellorando a accesibilidade a todo tipo de bens e servizos culturais para o conxunto da sociedade; contribuír ao crecemento económico, e promover os valores culturais do pobo galego, coa nosa lingua propia como factor de enriquecemento".

Despois da inauguración, comezou a frenética actividade marcada para a xornada de onte, na que o Espazo Carpa acolleu a entrega dos premios do certame audiovisual de dinamización lingüística "Nós tamén creamos!". Xunto con estes, outros galardóns convocados pola Xunta en diferentes ámbitos culturais tiveron tamén o seu lugar nesta programación a través das presentacións dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco e Nortear hoxe, 20.30 h.), da proxección das curtas gañadoras de Pequefilmes 2018 e da entrega do Álvaro Cunqueiro e Manuel María de literatura dramática (mañán, 18.15).