A feira das industrias culturais, Culturgal, comeza hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra con actividades desde as 10.00 ata as 21.30 horas. Será a última hora cando Inversa Teatro preestrene no auditorio "Sofía e as Postsocráticas".

O acto inaugural está previsto para as 11.00 horas no Espazo libro e desenvolverase de forma paralela a unha actividade de Editorial Galaxia con centros de educación de secundaria; ao obradoiro "Microbios ao teu redor", organizado polo CSIF de Galicia e á entrega de premios do certame de dinamización lingüística organizado pola Xunta.

E é que a Consellería de Economía estará presente por cuarto ano consecutivo cun stand propio no Culturgal.

Trece representacións de entidades e asociacións de Galicia da área cultural pertencentes ao sector da economía social terán ocasión de expoñer os seus servizos e produtos na caseta que instalarán no Pazo e que conta, ademais, cunha programación propia para visualizar e promover un modelo de negocio no que as persoas son o eixo central.

En concreto, estarán representadas once cooperativas, a sociedade laboral DezdeDez e a asociación de empresas de inserción de Galicia, ademais da Rede Eusumo coa que a Administración autónomica promove a economía social e o cooperativismo.

O lema da feira este ano é "Ti marcas ou compás", co que se espera potenciar a participación do público. Portugal é nesta edición o país convidado como achegamento á lusofonía. A feira contará con máis de 90 expositores repartidos en 130 casetas e un programa de actividades dirixidas tanto a profesionais como ao público en xeral, establecéndose de novo como punto de encontro indispensable para o diálogo entre representantes da economía social e das empresas, as institucións e a cidadanía.

Entre as moitas actividades previstas para hoxe na programación do Culturgal está a presentación do libro " Dúbidas reais de adolescentes sobre sexo", da xinécologa Sabela Igrexas.Estará esta tarde, ás 20.00 horas, respondendo as preguntas que expoñan os asistentes sobre asuntos afectivos-sexuais.

O volume recompila as cuestións máis frecuentes e relevantes expostas por alumnos de centros de educación secundaria de Galicia nas sesións sobre educación sexual desenvoltas pola autora.

Cuestións coma se hai problemas ao ter relacións con 14 e 16 anos, se os homes se masturban máis que as mulleres, cantas veces pódese tomar a pílula do día despois ou como se identifica unha relación tóxica, son algunhas ás que dará resposta a experta no libro.

O volume, da editorial galega Catro Ventos, recompila as preguntas máis relevante e frecuentes expostas polos adolescentes, de forma anónima, nas sesións educativas. Ademais, inclúe unha explicación clara sobre os diferentes métodos anticonceptivos e preventivos de enfermidades.

Man de Camelle e Rivas Fontán

Xa o sábado, haberá presentacións literarias interesantes, como a de "Man de Camelle", con ilustracións de Carmen Hermo, ás 19.30 horas no Espazo Libro.

Tamén estará no Culturgal o xornalista Adrián Rodríguez, que de 12.00 a 13.00 horas asinará no stand 99 exemplares do seu libro "Memorias de un político lejos del rebaño. Solo Rivas Fontán", sobre o exalcalde de Pontevedra, que tamén estará presente.