Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, ofrecerá na súa terceira edición -que se celebrará os días 10, 11 e 12 de novembro no Recinto Feiral- varias actividades de formación dirixidas ao público xeral e a profesionais do sector que requiren de inscrición previa.

Os amantes do aceite terán a oportunidade, o sábado 10 ás 11.30 horas, de descubrir todos os segredos do ouro verde dunha maneira dinámica e participativa no curso de iniciación sobre o aceite de oliva con degustación guiada promovido por Galeo.

Pódese enchilar a Galicia? Rómulo Mendoza, un dos expoñentes da alta cociña mexicana do momento, demostrarao o sábado 10, ás 17 horas, nun taller de cociña patrocinado por Supermercados Gadis onde un dos pratos máis significativos de México, o chile, se fusionará con produtos galegos. O chef tamén impartirá o domingo, ás 13 horas outro taller sobre como preparar as tortillas mexicanas, guacamole e salsas para acompañar á cochinita pibil.

Saborear un bo café, preparado da forma correcta, é un dos maiores praceres dos que unha persoa pode gozar a diario. Da man do barista e tostador profesional Gonzalo Rodríguez, propietario de El Club del Café, os asistentes a este curso aprenderán a preparar o perfecto café. Ademais, o luns 12, ás 12.30 horas, introducirá aos interesados no mundo do barista, non en balde ten no seu haber o terceiro posto no Campionato Estatal de Baristas.

O blogger e community manager Alberto Ribas ensinará como difundir as creacións culinarias nas redes sociais no taller Do prato á Rede, que terá lugar o día12, ás 13 horas, mentres que Daniel Punzoni, profesor do CIFP Carlos Oroza, amosará diferentes técnicas de empratado a partir de tres produtos: congro afumado, lombo baixo e xeado. Será o luns, ás 17.30 horas.

A participación nestes talleres ten un prezo de 12 euros e require inscrición e pago previos a través da web etiquetanegragourmet.com. Organizada polo Concello de Pontevedra, Etiqueta Negra conta co patrocinio principal de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía desde o punto de vista creativo e innovador, así como da Deputacióne da Mancomunidade do Salnés. Tamén colaboran nesta terceira edición Tawi, Gadis, o CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña e Froiz.