21 de octubre de 2018
21.10.2018

A Moureira a través de 50 alcumes

O Museo Pontevedra acolleu a III Xornada de Onomástica Galega, na que se presentou un traballo realizado no IES Sánchez Cantón centrado nas nomeadas usadas en San Roque e noutras parroquias de Pontevedra

21.10.2018 | 03:34
María Celia Abal, Pilarín Fernández, Anxos Rial e Carmela Fariña, onte no Museo de Pontevedra. // R.V.

A Historia dun pobo pódese entender tamén a través dos seus nomes. Os alcumes centraron o traballo de investigación de estudantes do IES Sánchez Cantón de Pontevedra sobre o barrio da Moureira e as noemeadas utilizadas polos seus veciños. Conseguiron reunir 80, dos que 50 foron relativos a San Roque e o resto procedentes doutras parroquias de Pontevedra e incluso de Poio. Non tería sido posible sen a colaboración de tres "informantes", veciñas da Moureira. A directora do traballo, a profesora Anxos Rial, advirte da diglosia e do grave risco de desaparición da lingua galega no centro da cidade.

Os Xouviños, O Cosco, Xaneiras, Juanillos, Sete Cus, Os de vidá, Panderetas, Yoyó, Currucos, Monterramo, Os de Roche, Bujía... E así ata 50 alcumes foron recollidos no barrio de San Roque de Pontevedra polos alumnos de cuarto curso da ESO do IES Sánchez Cantón no traballo "Os aclumes da Moureira. Nomes con historia".

O proxecto de investigación foi presentado onte por Anxos Rial, a profesora que guiou aos estudantes durante semanas para acadar un traballo dun grande valor. Fíxoo no marco da III Xornada de Onomástica Galega celebrada pola Real Academia Galega (RAG) no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

Os rapaces, de 16 anos, contaron coa colaboración de tres veciñas de San Roque, sen as que sería imposible ter acadado un resultado de compilación tan amplo. María Celia Abal, "Marujita Lacana"; Pilarín Fernández, "Pilarín a dos periódicos", e Carmela Fariña, "A pilota" ou "A Chicirica", foron as informantes no campo de traballo, a Moureira, e nas aulas.

A través delas, das súas lembranzas, amigos e familiares, os dous grupos do instituto público lograron recoller un total de 80 alcumes, 40 de mulleres e 40 de homes. A maioría foron relativos a San Roque, pero tamén lograron un bo número doutros procedentes de Pontevedra centro, Mourente, Salcedo, Tomeza, Lérez e mesmo do veciño concello de Poio.

"A intención era atraer o interese do alumnado pola súa lingua e espertar o interese da cidade pola súa memoria. Tiñamos a evidencia de que este tipo de estudantes viven no centro da cidade, polo que son castelán falantes e non usan a lingua galega máis que nas aulas de Galego", comezou explicando a súa profesora e directora de proxecto.

O primeiro reto ao que se enfrontou Anxos Rias foi o de captar a atención dos rapaces, "que coas novas tecnoloxías viven nun mundo de imaxes". "Pero non podiamos deixalos escapar porque non esteamos no mesmo campo ca eles", subliñou. Esto supoñía, basicamente, que os autores do traballo nin sequera coñecían as ferramentas lingüísticas que terían que utilizar nin o léxico popular ao que se ían enfrontar.

As tres veciñas de San Roque facilitaron moito esta labor. "Compartiron unha clase no centro e conseguiron conectar coa rapazada nun clima agradable e moi enriquecedor", celebrou a profesora.

Os 80 alcumes compilados foron clasificados en categorías segundo a profesión á que facían referencia, os topónimos, elementos que aludían á emigración, a repetición de comportamentos ou os diminutivos, entre outros.

Outro dos problemas que tiveron que superar os dous grupos de alumnos participantes foi o seu descoñecemento do léxico tradicional da lingua galega relativo aos aparellos de pesca, profesión maioritaría na Moureira no pasado.

A maioría dos nomes recollidos están datados no século XX, pero tamén conseguiron algún do XIX, como As Verduras ou Os Gorrións, da parroquia de Tomeza.

Unha das cuestións que lles quedou clara foi a "forte castelanización" á que incluso os alcumes foron sometidos co paso do tempo.

Diglosia

A diglosia é a principal conclusión deste interesante traballo, tal e como sinala Anxos Rial. "Hai un grave risco de desaparición da lingua galega, e máis aínda no centro urbano", advirte.

Coa investigación, os estudantes aprenderon a valorar e respectar ás persoas de idade, pero tamén enriqueceron o seu coñecemento sobre a lingua propia e a herdanza da onomástica recibida polos seus maiores.

O encontro da RAG, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, profundizou nos nomes non oficiais dende distintas perspectivas e tempos: a antropoloxía, os seus inicios na Idade Media, a fixación nos apelidos e as novas formas. O acto foi inaugurado polo presidente da institución, o escritor pontevedrés Víctor Freixanes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia