O programa "En Ruta coa Depo" organiza esta fin de semana 13 novas excursións nas que participan 810 persoas de nove concellos da provincia. Estas excursións permiten ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra, a través de visitas guiadas e actividades para descubrir o patrimonio das Rías Baixas.

Máis polo miúdo, 54 persoas de AFIBROPO Asociación de Fibromialxia de Pontevedra, visitan o Parque da Natureza do Río Barosa, en Barro; antiga azucreira, miradoiro do val do Umia e a exposición sobre Domingo Fontán, en Portas; xacemento da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro, en Valga; Torres de Oeste, en Catoira.

Pola súa banda, 108 persoas pertencentes á Sociedade Cultural do Viso e a ASODIFISI Asociación de Discapacitados Físicos e Psíquicos de Mos, coñecerán Arousa: Illa da Toxa, desfrutarán dun paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación). E tamén van visitar O Grove, Museo da Salga e paseo pola zona, e xacemento da Lanzada.

Tamén, 162 persoas da Asociación de Persoas Sordas de Vigo, da Asociación de Amas de Casa Albariño e do Centro Social do Concello de Poio, farán a ruta por Pendellos de Agolada: Museo A Solaina de Piloño, Fundación Xosé Neira Vilas (pechado os domingos) e igrexa de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces.

Por outra banda, 54 persoas pertencentes á Asociación Veciñal Fonte do Galo poderán visitar Meis: mosteiro da Armenteira, e Ruta da Pedra e da Auga.